«Temos que reivindicar o rural como lugar de cine»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Botou a andar onte en Baio a quinta edición dos Fouciño, festival de curtas

24 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pura, unha «curta bonita, íntima e emotiva», como a describiu dende a organización Alejandro Gándara, abriu onte o festival Premios Fouciño de Baio. A elección non foi casual. Unha, porque é un traballo de Carmen Méndez, madriña desta quinta edición do encontro, e dúas, porque representa moi ben a esencia dos Fouciño: cinema social, de proximidade, feito co que se ten a man. Así será a tónica tamén hoxe e mañá.

Tomou parte da inauguración o alcalde de Zas, Manuel Muíño. O Concello coorganiza e apoia uns Premios cos que tamén colabora a Deputación: «Facedes un traballo altruísta, entregando o voso tempo. Nun municipio coma o noso, pequeno, rural, estes premios converten Baio en epicentro cultural da Costa da Morte, e diría que da provincia, non hai certames deste tipo agora. E o importante non é facer, ou idear, ou organizar unha iniciativa nova, senón que o difícil é manterse, consolidarse, e que cada ano sexa mellor, como aquí ocorre», afirmou Muíño. Lembrou o traballo que ao longo do ano vén facendo a organización achegándose a centros educativos para alentar a creatividade e participación ao certame: «A saber quen sairá de todo iso, quen se interesará por esta arte, polo cinema», engadiu.

BASILIO BELLO

Carmén Méndez recoñeceuse ilusionada e con responsabilidade por ser a madriña dos Fouciño: «O espírito deste festival está moi conectado comigo. Eu tamén son dunha zona rural, de Lugo interior, preto dos Ancares. Tedes moita sorte de ter un festival así aquí. Temos que reivindicar o rural como lugar de cine». Gabou o coidado da programación, visibilizando un cine «que ten algo de procura dentro das nosas vidas, do que somos, das nosas raíces, de onde vimos». Carmen gravou a súa nai e avoa: Pura, dixo, é un retrato familiar, un retrato delas dúas que tamén permite o seu propio retrato. «Filmei cunha cámara, soa, todo moi intimista», dixo Méndez. Quería reconciliarse cun lugar que a levaba á tristura: «Que viva este cine que nos conecta, que nos fai compartir, que nos fai mellores persoas!», desexou.

BASILIO BELLO

Proxeccións, Sofie Peries e karaoke: as propostas para hoxe

No baixo do Edificio Praza, ás 20.00, proxección das curtas Delincuente, de Alba Domínguez e Nuria Vil; O coidado, de Miguel Canalejo; Abellón, de Fon Cortizo, e La casa de la abuela, de Ashling Ocampo. Actuará a continuación a coruñesa Sofi Peries e rematarán con karaoke cinéfilo: haberá queimada e premios!