Mira tódalas propostas que traerá o Samaín á Costa da Morte
28 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Túnel do terror, xincana, cine temático, Oktoberfest, procesión da Santa Compaña, concurso de cabazas, taller de momias, maxia, chocolate con churros... Cunha chea de propostas —e con cada vez máis influencias do Halloween americano— se presenta este ano a noite máis terrorífica do ano, a do Samaín. Aquí van algunhas ideas para ir tomando nota:
A Laracha · O día 31, festa infantil no Museo dos Muíños de Golmar con xincana do terror, xogos, música e obradoiro de maquillaxe terrorífica, e o 1, túnel do terror na praza Les Sables d'Olonne.
Cee · A comisión da Xunqueira promove un Oktoberfest de dúas xornadas: a primeira, o 31, será versión terror, e a segunda, o 1, convencional. Estará a discoteca CDC.
Muxía · O venres, procesión da Santa Compaña desde a biblioteca e representación de Historias para escagarriñarse de risa, de Teatro Gazafellos, na Praza do Cabo da Vila.
Fisterra · Samaín na fin do mundo, máis concretamente no Mercado Cultural de Fisterra, con propostas para público infantil pola tarde.
Corcubión · De novo a Santa Compaña fará acto de presenza, e dende o Concello animan a decorar as rúas con temática de terror. Será o día 31.
Malpica · Algúns dos mellores pinchadiscos do panorama galego participarán no Samaín Fest que promove a Finca Aldeola para este venres.
A Ponte do Porto · Noite de Halloween coa discoteca CDC e Yago Rivas como DJ convidado. Tamén haberá concurso de disfraces, no pavillón polideportivo da Ponte do Porto.
Camariñas · E ese día, pola tarde, os máis cativos tamén terán ocasión de festexar o Samaín no pavillón Víctor Vigo de Camariñas, con taller de momias, pasarrúas de disfraces e moita animación.
Laxe · O polideportivo acollerá o sábado á tarde múltiples propostas como un túnel do terror e un vestiario do medo, manualidades con cabazas, música, ritual da meiga do medo e mesmo mesas sensoriais do Samaín para nenos con diversidade funcional.
Tella · Nesta localidade pontecesá festexarán o sábado dende primeira hora da tarde con bailes, xogos, espectáculo do Mago Charly Braun, sorteos, rosca con chocolate e petiscos variados.
Dombate · As cores e os segredos do Samaín leva por título a actividade que comezará ás sete da tarde do venres no dolmen cabanés. Dende alí, os participantes sairán en procesión cos seus disfraces ata o Castro de Borneiro.
Entrecruces · Festa de Halloween o domingo no centro social de Entrecruces, onde haberá xogos e chocolate con churros. Dende a asociación veciñal convidan aos asistentes a acudir caracterizados para a ocasión. Colabora o Concello de Carballo.