Mozos e maiores compartiron tempo e conversa, visita institucional incluída
28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Casa do Maior do Couto, en Ponteceso, acolleu onte un diálogo interxeracional contra a violencia de xénero, promovido dende a Fundación Eduardo Pondal. Nel tomaron parte maiores e alumnos do instituto Eduardo Pondal, armando así unha xornada na que compartiron experiencias en pro do respecto e a convivencia. Puideron os presentes, ademais, visionar o documental Saberes de muller, dirixido por Omar Rabuñal, tamén este xoves desprazado ata O Couto. Voces e sabores de mulleres de onte e de hoxe. «Aprendizaxe mutua e conexión comunitaria que pon en valor a importancia do diálogo entre xeracións», trasladou a Fundación Pondal, cun ciclo en marcha polo 25N que apoia Política Social. Acudiron ao Couto, ademais, Antón Acevedo, director xeral de Maiores, e a edila de Servizos Sociais, María Josefa Álvarez. A seguinte actividade será este domingo, na Casa da Muller, onde está prevista unha xornada de convivencia.