Coristanco prendeu onte as luces, e hoxe farano Carballo, Vimianzo, Cee e Lamas, en Zas. Máis actividade haberá na comarca
05 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Nadal xa entra con forza na Costa da Morte. Onte foi o Concello de Coristanco o que prendeu as luces, cunha degustación, ademais, de chocolate e biscoito, e hoxe serán os municipios de Carballo, Cee e Vimianzo os que o farán con grandes festas. Tamén estaba previsto para este venres o acendido do alumeado na Laracha, pero aprazouse para dentro dunha semana debido á choiva. Con todo, haberá que estar moi atentos aos canais oficiais dos Concellos ante posibles cambios de ubicacións para algunhas actividades. Así o comunicaron dende Cee. E algún acto máis haberá en Ponteceso e Lamas, Zas.
Carballo • O acendido será ás 18.45 horas na Praza do Concello, onde hai unha gran carpa, pero antes e despois haberá actuacións musicais. Unha chocolatada gratuíta porá o broche. Tamén será o comezo da Globoteca do Centro Comercial Aberto coa súa campaña de Nadal.
Cee • As rúas lucirán xa doutro xeito a partir das 17.30 de mañá nesta localidade, na que haberá actuación musical, inchables, chocolate con churros e máis na Praza 8 de marzo.
Vimianzo • Na capital de Soneira, recibirán o Nadal ás 20.00 na Praza do Concello, onde hai unha gran carpa. Haberá un espectáculo e unha chocolatada de balde. Tamén se abrirá o Recuncho Gastronómico.
Ponteceso • Na Casa das Fadas do Nadal, o Concello presentará ás 12.00 a campaña de comercio para estas datas.
Lamas, Zas • Nesta parroquia prenderán as luces ás 19.00 cun pequeno brinde na «casa azul».
Avance
En Zas informaron este xoves que inaugurarán o Nadal mañá, ás 19.30, co tradicional acendido do belén de Brandomil. Incluirá o pregón do alcalde, chocolatada e animación musical.
Correos instala un buzón máxico en Carballo
Ata o día 5 de xaneiro, os nenos e as nenas que o desexen poderán depositar as súas cartas para Papá Noel e os Reis Magos no buzón máxico que Correos instalou na oficina postal de Carballo. Busca fomentar a escritura e o espírito.
Moito teatro, música e visitas para este venres
Ademais das actividades de Nadal, todo isto haberá na comarca hoxe:
A Laracha • Tolóptica, da Compañía Azul, será a representación teatral (comedia negra) deste venres na Casa da Cultura ás 21.00 horas (entrada libre e gratuíta).
Malpica • A obra Chegar e encher, narración oral de Bea Campos, celebrarase no Centro Cívico ás 20.30 (entrada de balde, sen reserva).
Muxía • Dúas son as propostas do festival Comarea: coloquio «A importancia da cultura na xuventude» (Bar Caramba, 19.30), e actuación de Skanderani (Bar Plaia das Lanchas, 22.30). Ambas, con carácter gratuíto.
Carballo • No Pazo da Cultura, ás 19.00, haberá unha audición de viola do Conservatorio, aberta ao público ata completar o aforo.
Vimianzo • Serán moitos, ben seguro, os que xa dende hoxe dean comezo á ponte festiva (do sábado ao luns). Por este motivo, o Concello lanzou unha serie de visitas guiadas. Ademais das habituais no castelo, celebraranse as seguintes hoxe: dolmens (12.00) e Castro das Barreiras (17.30). Son gratuítas, con previa inscrición en liña.