Imaxinas que un xigantesco monstro che lanzase dunha patada para fóra da túa propia vida para sempre? Imaxinas querer facer —e mesmo ter a intuición ou esperanza de que podes, de que tes esa acción ao alcance dos teus dedos—, pero non poder? Imaxinas atoparte horizontal e rompido, lacerado, arrincado e borrado da túa realidade tal como a coñecías?
Ou pode que tiveses nacido xa sen coñecer esa realidade: a que non é unha sinfonía de esforzo, paciencia e esperanza. A que non é unha danza silenciosa que o mundo adoita ignorar.
A discapacidade, física ou mental, é grandeza que palpita nos pequenos actos.
No sorriso dun neno que non pode correr coma os demais ou subir a unha randeeira, no agarimo dunha persoa con discapacidade intelectual, no abrazo daqueles que se erguen cada día contra a incomprensión e o esquecemento, habita un mundo de resiliencia que nos interpela a toda a sociedade.
«Coñéceme polas miñas habilidades», dixo Robert M. Hensel, «non polas miñas discapacidades». E é que a riqueza é recoñecer a grandeza que vive máis aló das etiquetas.
Pero a riqueza tamén é saber ver que —aínda celebrando todos e cada un dos logros feitos a prol dunha sociedade máis inclusiva—, aínda nos queda moito por facer nun mundo demasiadas veces teso e hostil. Un mundo ao que demasiadas veces aínda parece non importarlle que a un igual o poidan lanzar dun couce para fóra da súa vida para sempre e que este se atope rompido e lacerado. Loitemos para facer ver. Para que algún día as accións cotiás, así como as soñadas, estean realmente ao alcance dos dedos de todos.