O Abaladoiro | Sábado de festa bonita en torno á cultura e lingua, na Mata, Cabana
22 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Será algo digno de ver», dicía o venres en Radio Voz Juan Paredes. Falaba como voceiro de Os Enxebres de Cabana, organizadora da terceira Foliada Enxebre celebrada este sábado na Mata. E non lle faltou razón. Juan referíase nese intre á foliada libre que chegaría logo da «oficial», con 17 grupos, consolidación dunha cita para unha asociación de «xóvenes maduros» que non deixa de ser tamén nova, «catro anos e pico». «A comarca de Bergantiños é un bastión da cultura tradicional», contaba Juan, agradecido con cantos sumaron forza para a festa. Tamén vía redes agradeceron a veciños de Riobó e aos asistentes.
Acreditan un «rexurdir»: «Non hai máis que ver en calquera foliada a cantidade de nenos ou xente moza. É proba de que isto vai para largo, non é algo puntual nin unha moda». O que tiveron o sábado en Cabana foi a xuntanza do que chama «irmandade de grupos da comarca», todo baixo carpa, e fixeron ben. Entre as actuacións, «fenómenos» do acordeón como Eloy Mato, que fixo de ponte cara a foliada aberta, ou Irma Macías e Luís Pinto, actuación especial no medio dos grupos de tradición. Cantáronlle «bonito» á lingua e á cultura.