Practicamente todos os concellos teñen organizadas para hoxe actividades arredor do 17 de maio
17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.De cabo a rabo da Costa da Morte, hoxe é Día das Letras Galegas. Multitude de actos están convocados aquí para esta xornada de 17 de maio:
Carballo
Praza chea de letras
Hoxe • Toda a mañá • Día grande en Carballo para celebrar as letras. Dende as 11.00 horas, na Praza, levarase a cabo a 38.ª edición do concurso infantil de pintura Luís Calvo. Ás 12.00 comezará unha lectura pública e colectiva de obras de María Victoria Moreno. Participan Banda Municipal de Gaitas, entidades culturais e centros educativos. Á beira da Praza, no xardín municipal, a compañía Galeatro representará «Contos no faiado» (12.30). Na rúa Coruña, unha hora máis tarde, comezará o Concerto das Letras a cargo da Banda do Conservatorio de Música carballés.
Xadrez no Espazo Xove
Hoxe • 16.00 horas • O Espazo Xove carballés -antiga Casa da Xuventude- preparou con motivo das Letras o seu primeiro torneo de xadrez, abertro a xogadores de Carballo e do Toque Xiria. Consulta de prazas en xadrezcarballo@gmail.com ou no 617 234 393. Premios xerais e por categorías.
Contos en Punto e Coma
Hoxe • 17.30 horas • A libraría Punto e Coma carballesa promove para esta tarde unha sesión de contacontos para toda a familia. Entrada de balde ata completar aforo.
Festival Contra-Letras
Hoxe • A partir das 12.00 horas • Comezou onte, pero hoxe segue no Casino de Carballo, Casino 1889, o festival Contra-Letras. As 12.00 horas, unha mesa redonda que, baixo o título «Estendendo versos no pentagrama», reunirá a membros de bandas do panorama pop-rock galego, como a Familia Caamagno, Ataque Escampe ou Lowcos. Será ás 13.30 horas cando se anuncien os premios do certame poético festas Minervais, xusto antes de iniciarse unha sesión vermú. Pola tarde, ás 16.30, chegará un obradoiro de poesía a cargo de Olivia Pena, seguido logo polos Xogos Florais para adultos e nenos. Contra-Letras botará o peche cunha conversa sobre «A poesía fóra dos versos», con Xesús Pisón e Olivia Pena: a partir das 19.30 horas.
Camariñas
Entrega de premios
Hoxe • 12.00 horas • Casa de Pedra • O Concello de Camariñas premiará hoxe os traballos literarios realizados polos alumnos de infantil, primaria e secundaria nas categorías de poesía e prosa. O acto, ás 12.00 horas, estará amenizado por Monicreques de Kukas e o seu espectáculo «Xan Perillán e a maleta máxica».
Fisterra
Mostra e Pan con chocolate
Hoxe • 20.30 horas • Na Casa do Arco de Fisterra pode verse de luns a venres unha exposición sobre María Victoria Moreno, homenaxeada este ano: de 17.00 a 20.00. Por outra banda, ás 20.30 horas, no salón de actos do Concello, haberá unha sesión de contos para público infantil, «Pan con chocolate», un espectáculo baseado na obra homónima de María Victoria Moreno. Traballos sobre a integración, a solidariedade ou a igualdade a cargo da contadora Saleta Fernández.
Cee
Encontro de acordeonistas
Hoxe • 12.30 horas • A Casa da Cultura ceense acollerá hoxe o primeiro encontro de acordeonistas de Galicia con motivo das Letras. Organizan o Concello e máis a Escola de Música e chegarán artistas de Ourense, Pontevedra, Santiago, Cedeira e, por suposto, a vila anfitrioa. Solistas, grupos e intervencións con outros instrumentos poderán verse hoxe. Máis datos nesta entrevista.
Ponteceso
Mercado e tirolina
Hoxe • A partir das 11.30 horas • A asociación de empresarios e o Concello de Ponteceso inician hoxe un Mercado Pondaliano no que haberá múltiples descontos nas compras. Na praza do Recheo, ás 11.30 horas, está prevista a inauguración, a cargo dos regueifeiros Lupe e Suso de Xornes. A continuación comezará a segunda Ruta Pondaliana -ruta de pinchos- polos locais hostaleiros participantes. A ambientación poñerana Os Farrapos de Cesullas. Mercado artesán na Praza do Recheo -artesanía, comida, pulpeira, panadaría...-e atraccións infantís.
Están previstas actividades para grandes e pequenos, mais a estrela será unha tirolina xigante instalada xunto ao río Anllóns dende onte mesmo, e ata o 27 de maio. A organización agarda que, cos seus 130 metros, sexa un dos reclamos nesta ponte das Letras.
Visitas ao Melga
O Melga de Ponteceso, o Museo Etnolúdico de Galicia, é unha visita obrigada cando un pasa polas terras de Eduardo Pondal. Unha viaxe aos tempos de antes, á historia, a través do patrimonio lúdico. Con motivo das Letras Galegas, hoxe, día festivo, o Melga estará aberto para recibir visitas.
MUXÍA
Ofrenda floral
Hoxe • 12.00 horas • O programa das Letras Galegas de Muxía ten reservada para hoxe unha ofrenda floral no monumento a López Abente e unha sesión de pasarrúas a cargo de Xaramiños do Corpiño. Esta ofrenda é xa unha tradición, renovada ano tras ano.
Zas
Abren as Torres do Allo
Hoxe • De 11.00 a 19.00 horas • Tamén con motivo das Letras Galegas, e logo dunha semana intensa en canto a visitas escolares, as Torres do Allo, no municipio de Zas, estarán hoxe abertas para recibir visitas: de 11.00 a 19.00 horas. Aqueles que desexen tomar parte de percorridos guiados tamén poden facelo, en tanto que para as 13.00 e as 17.00 horas hai programadas visitas deste tipo, en todo caso sempre gratuítas. Un xeito de coñecer, pois, a historia do Pazo e tamén a de Vítor López-Seoane, morador do monumento e galeguista.