«Vilán é dos poucos faros que se poden visitar, e único polas súas pezas»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Xesús Búa

TURISMO A TODA COSTA |  Vilán, en Camariñas, abriu as súas portas con numerosos cambios. Fala Tania Carreira, técnica de turismo e guía oficial 

07 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tania Carreira Rial (Vilar, Zas, 1984) suma unha ampla experiencia como técnica de turismo e guía oficial. O faro do cabo Vilán (Camariñas) coñéceo ben. Xa estivo en anteriores anos, e regresou neste para recibir a todos os turistas -que non son poucos- que cada ano se achegan a coñecelo. Sendo o primeiro faro eléctrico de España, a zasense destaca que «é dos poucos que se poden visitar, e único polas súas pezas». Pola contorna na que se localiza, aspecto que a experta tampouco pasa por alto, é unha das grandes iconas turísticas da Costa da Morte e de Galicia. Tras meses pechado pola pandemia do coronavirus, reabriu as súas portas ao público o pasado día 1 con numerosos cambios.

-Xa recibiron as primeiras visitas?

-Si, sobre todo esta fin de semana. Son cifras máis baixas respecto ao pasado ano, pero xa se empeza a notar movemento. Achegáronse, sobre todo, familias e parellas. Tamén veu algún grupo que estaba facendo o Camiño dos Faros.

-Que medidas teñen ante o coronavirus?

-Pois todo o mes de xuño estivemos traballando no protocolo a seguir. Como a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, que é a que xestiona o faro, só ten concedido o uso da sala de exposicións, a cafetería e a tenda, solicitou á autoridade portuaria o emprego do corredor para poder facer visitas en sentido único. Así, a entrada está dividida en dous sentidos. Tamén a mesa da recepción se trasladou á entrada para controlar a capacidade e indicarlles aos visitantes todas as medidas a seguir. O uso da máscara é obrigatorio, temos xel hidroalcohólico por todas partes e a capacidade dentro do faro é de 40 persoas (20 por sala) e de unha soa nos baños; hai que manter as distancias, e quitamos os carteis e mapas de uso común para que a xente non os toque, e así evitar ter que estar desinfectando seguido.

-Tiveron algunha incidencia neste sentido?

-Algunhas persoas chegan ao faro sen máscara e case se molestan máis por iso que por ter que subir andando os últimos 300 metros, porque esa é outra das novidades que deben saber os interesados en acudir. O Concello cortou o paso aos vehículos para evitar os problemas que adoitaba haber entre os coches que circulaban e os aparcados, ademais do desgaste ocasionado ás inmediacións do faro. Agora non hai atascos e a experiencia é mellor: máis tranquila e completa. Hai habilitada unha explanada xusto antes do peche, tanto para aparcar como para dar a volta.

-Que pode atoparse un visitante agora mesmo en Vilán?

-A maiores de fotos antigas da construción e evolución do faro e o museo no que se atopa a primeira óptica de luz e unha das primeiras lámpadas, por exemplo, que iso está sempre, na sala de exposicións temos un traballo de pintura e cerámica de Maricarmen Sendón sobre os faros de Galicia. Mes a mes imos cambiando este espazo, así como organizando distintas actividades, pero co tema do coronavirus aínda estamos reorganizando o que tiñamos planificado para estes meses.

-Para os que aínda non tiveron a sorte de visitalo, por que o faro de Camariñas é especial?

-É dos poucos que se poden visitar, único polas súas pezas, e cunhas vistas incribles. E ten a súa historia. O faro antigo, que data do ano 1854, era de cuarta orde e alumaba unhas 15-30 millas. Para salvar a escuridade deste, posto que chocaba contra unha montaña que tiña diante, dinamitaron a roca, que é onde se atopa o actual, e aínda así non o conseguiron. Despois de varias protestas comezaron a construír o novo, e xusto sucedeu o naufraxio do Serpent, polo cal se aceleraron as obras ata ser inaugurado no ano 1896. Algo curioso é que como por aquel tempo aínda non se confiaba moito na luz eléctrica tiña de reserva un sistema de parafina.

-A que outros faros da Costa da Morte recomenda achegarse?

-Sempre digo que o de Camariñas é o mellor, pero o de punta Nariga, en Malpica, destaca pola construción, e o de Fisterra pola paisaxe.