Vázquez de Parga

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

03 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Arecente reapertura do mítico bar Dubra, aínda que agora cun estilo ben diferenciado do que tivera máis ou menos dende os anos 30, e o avance das obras do futuro aparcamento e centro comercial, son aspectos que van contribuíndo a cambiar a estética dunha rúa, dende o Casino ata a rotonda de Bértoa, que durante moitísimo tempo foi o eixe principal de Carballo, e aínda case o é. Non teño idade para recordar o que significaba cando aínda estaba nunha das beiras parte do xardín da Casa da Condesa, pero si a suficiente para ter coñecido a maioría de bares (había moitos, inclúo Camiño Novo) e locais que foron desaparecendo pouco a pouco, do Lis ao Capri, do Laracha ao Bardanca, do Milán ao Flor de Te, e tantos máis. Ou para case ver nacer o Galicia, que xa vai sendo veterano. Ou, sobre todo, para ollar a vitalidade que tiña esa rúa dun quilómetro, na súa zona máis central, cos estudantes de FP e do instituto (daquela, só o Alfredo Brañas), e coa estación de autobuses. Con xente de toda a Costa da Morte que ía e viña. Con dous carrís de circulación en dobre sentido e beirarrúas a ambos lados, algo que hoxe parece impensable. Moi estreitos serían os coches (ou moi diminutas as beirarrúas e máis nós). Falo dos primeiros oitenta, pero aínda aguantou aínda un tempo, e logo foi indo cara o que é hoxe.

Sobre a rúa, este e outras, non estaría de máis que algunha plaquiña ou cartel explicase quen foron os seus portadores. De José Vázquez de Parga, liberal e progresista, souben a historia por un artigo na Voz de Xan Fraga. Fora xuíz, alcalde, comandante, deputado, e fusilárono tras unha incursión carlista en 1838.