«Era o momento de crecer e arriscar»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A estrea de «Muiñada», de Galeatro, deixou moi boas sensacións na carballesa Alba Bermúdez, que agora agarda pola función «Fillos do Sol», na que tamén actúa

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este será un Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) especial para Alba Bermúdez (Carballo, 1989). Por un lado, e xunto con Tone Martínez, é unha das artífices de Galeatro, a primeira compañía de teatro profesional de Carballo, que estreou este pasado sábado Muiñada, coprodución do FIOT. Por outro, tamén será intérprete de Fillos do Sol, obra escrita e dirixida por Cándido Pazó que se presentará ao público por vez primeira na fin de semana do 27 de outubro, e na que comparte escenario con autores da talla de César Cambeiro. É outra coprodución do festival carballés. Precisamente nos intres previos ao ensaio para esta función, Alba Bermúdez facía onte unha valoración do vivido. Licenciada en Arte Dramático, foi na capital de Bergantiños onde tivo o seu primeiro contacto co teatro e co FIOT de moi distintos xeitos, inicialmente no certame de teatro lido Xosé Manuel Eirís, promovido por Radio Voz. Ten actuado no OTNI, ten sido voluntaria... Segue labrando camiño.

-¿Que sensacións lle deixou a estrea de «Muiñada»? ¿Como lles quedou o corpo?

-Pois por un lado, canso [ri], pero polo outro moi contentos, porque Muiñada tivo moi boa recepción. Polo menos iso nos fixeron chegar, e tanto por parte dos cativos como dos maiores. É o que se buscaba, porque é un espectáculo para público familiar. Os adultos que foron ata estaban emocionados, porque lles fixo recordar cousas que eles viviran, vellos tempos: había xente que fora ao muíño e que dicía que estaba igual, ben reconstruído e cunha historia moi real. Logo, tamén había xente de 40 ou así que nunca vira un muíño: si quizais por fóra, pero reconstruído por dentro non. Por tanto, tamén están moi ben esas opinións.

-Galeatro vén de obras dun formato máis pequeno, en colexios, institutos. ¿Foi moito cambio, mesmo a nivel de escenografía, decorado...?

-Nos espectáculos anteriores, normalmente, case todo collía nun coche [ri]. Con este nunca nos movemos do Pazo da Cultura, iamos levando as cousas para alí, por doses. Cando recollemos si nos demos conta de que era máis grande: enchemos unha furgoneta. Hai diferenza para movelo: Muiñada non é para calquera espazo, nin para exteriores, colexios pequenos... É para teatros, ao final.

-¿Marca un punto de inflexión para a compañía? ¿Como decidiron dar o paso?

-Galeatro nace no 2013, pero por así dicilo non nos puxemos en serio ata o 2015. Foron un par de anos de pequenos proxectos, e de ver como funcionabamos entre nós, se vendiamos... Como iamos ben cos de pequeno formato, pois decidimos que era o momento de apostar, de crecer e de arriscar tamén, porque Muiñada non é unha obra infantil ao uso. Non é un humor, por así chamalo, infantil, senón máis formal, e aínda así chegamos aos nenos. Iso, ao final, é un risco, pero bueno, un risco que funcionou.

-E nada menos que botan a andar con espectáculos de gran formato co FIOT como padriño. Toda unha honra.

-Si, sobre todo tendo en conta o difícil que é comezar cando tes unha compañía nova, e máis cando fas un texto de creación. Non é que nós dixeramos: «Temos este texto, temos esta idea pechada...», senón que empezamos investigando. Iso aínda é máis difuso. Que apostasen por nós e nos desen a oportunidade de estrear no FIOT é unha honra.

-¿Como foi ese traballo de recompilación de información?

-Estivemos como un ano en fase de investigación: familiares, xente que vivira en torno a muíños, un mestre canteiro que nos axudou un montón... A Sociedade Antropolóxica Galega cedeunos un documental, Memorias da auga, e mesmo nos foi de inspiración tamén a Festa da Muiñada de Vimianzo, unha especie de reconstrución de todo o que pasaba arredor dos muíños.

-¿Como ve o FIOT deste ano a nivel de espectadora?

-Moi interesante. Das mellores producións que están agora mesmo en cartel están aquí programadas. Logo, están tamén as actividades paralelas: a veces teñen menos importancia ou repercusión, pero penso que ata poden ser máis interesantes: o OTNI sempre leva espectáculos moi bos e este ano está tamén o certame M2. Creo que vai ser unha aposta moi boa.