«O socorrismo poderíase ampliar a 4 meses, pero hai limitacións legais»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Javier Souto Facal, coordinador de Protección Civil de Carballo, advirte do perigo que supón o baño en determinadas zonas do litoral carballés, pero tamén a oleaxe durante os paseos

22 abr 2018 . Actualizado a las 23:09 h.

Francisco Javier Souto Facal, Piti, leva 31 dos seus 55 anos en Protección Civil de Carballo, na que é o coordinador dende xuño do 2004. O seu traballo, especialmente o enfocado cara o salvamento e socorrismo, sempre colle máis protagonismo a partir da primavera, cando o bo tempo leva a moita xente ás praias, como vai pasar a partir de agora, pero tamén cando ocorren accidentes como os que houbo días atrás en Riazor, lembrando a obrigatoriedade de estremar as precaucións sempre, e moito máis en días de forte oleaxe.

-¿Cal é a norma que rexe á hora de bañarse na praia?

-No Concello de Carballo hai oito zonas de baño habilitadas: catro en Razo, tres nas Saíñas e unha na Pedra do Sal. E só están habilitadas, por norma, tres meses ao ano para seguridade, limpeza e control sanitario. Os outros nove meses, esas zonas están pechadas, non hai máis socorrismo. Polo tanto o que lle pedimos á poboación é que non asuma riscos innecesarios. Temos unha praia cun perfil complicado, con fortes correntes e fortes mareas, non só nós, senón a Costa da Morte en xeral. En Razo hai unhas correntes moi importantes, que dan moitos sustos. Sempre lembro o que me ensinaban a min de rapaz: bañarse, ata a rodilla.

-¿E non se podería ampliar ese tempo? Vai haber días de sol con moita xente.

-Si, o servizo de socorrismo poderíase ampliar a catro meses, en vez de tres, do 1 de xuño ao 30 de setembro. Eu sempre quixen iso, pero non é tan sinxelo. Hai limitacións legais, orzamentarias, para contratar, administrativamente é moi complicado poder ir a máis de servizo.

-Xente fóra desas datas sempre a hai.

-Si, pero para pasear. Os que se meten na auga son os surfistas. Hai moita conciencia, moito traballo feito de anos, nas piscinas, nos colexios, que melloraron moito os comportamentos. Saben das zonas perigosas e non asumen riscos. Hai que ser moi prudentes. Hai épocas do ano nas que as olas teñen moita forza e podes levar un golpe importante. Non falo só de bañarse, falo da oleaxe se vas paseando moi ao lado da auga. E iso sábeno a maioría dos visitantes.

-Un aspecto que aínda chama a atención de Carballo, e que non ocorre en ningún outro sitio da comarca, é que ata para bañarse hai que facelo nuns sitios determinados. Non vale calquera.

-Iso é pola tipoloxía da praia, con movementos de auga moi específicos, que entra por un lado e sae polo outro. Nós marcamos as zonas aproveitando os fondos areosos estables, zonas de 50 metros nas que metemos á xente, por onde entra. Evitamos os que se chamaban antes os pozos, onde perdías pé. Teñen que bañarse onde a area é máis plana, máis uniforme. E non se pode ampliar. Facemos un socorrismo de prevención. Sempre dicimos que o mellor salvamento é que non se fai, por iso os confinamos. Se se deixase todo libre habería que estar intervindo constantemente. Teñamos en conta que, moitos días neses espazos temos a máis de 2.000 persoas bañándose.

-¿Seguirá habendo outras limitacións, como as que había o ano pasado coas píllaras?

-Son outro tipo de limitacións, que pasan por respectar escrupulosamente as zonas de aniñamento desa ave protexida. Somos unha praia de referencia para a súa supervivencia. Están sobre todo xunto á zona dunar, e de novo a limpeza mecánica aí está excluída, deberá ser manual. ¿Que alguén quere bañarse aí? Non é unha zona controlada, mellor que non o faga, e en todo caso que se estremen as precaucións polas fortes correntes que ten.

-¿Como están os preparativos de cara ao inicio da temporada, en menos de dous meses?

-Hai que reparar os danos do inverno, e empezaremos en breve. Como sempre, faremos unha pequena actuación no perfil da praia, na explanada, para que o río desemboque de maneira perpendicular. Este mes chegou a ter unha altura duns dous metros. Tamén hai que mirar algúns detalles nas pasarelas e noutros elementos para que todo quede perfecto.

-¿É perigoso pasear ou estar na beira dos taludes?

-Nós esa zona témola balizada por precaución, xa van varios anos con precinto e máis estacas. E en todo este tempo nunca houbo incidencias.

A influencia do irmán maior e os inicios na natación, no río

Javier Souto empezou dunha maneira constante e xa encamiñado ao profesional, en 1987, da man de José Luis Barca Añón, que segue sendo o presidente da agrupación local de Protección Civil, ademais de responsable do consorcio de bombeiros. Ese ano afogara un rapaz na zona do Teirón e marcou un antes e un despois á hora de actuar. Había un grupo de mozos que foran monitores na piscina e que practicaban o socorrismo acuático. Pero Souto tamén tiña un espello no que mirarse, o seu irmán maior. «Se eu estou aquí é polo meu irmán Quique, que fixo moitos salvamentos», explica. E aínda segue no deporte.

Sempre lle tirou o deporte e a conexión co litoral, aínda que curiosamente aprendeu a nadar no río Anllóns, no Bosque. «Pero dende moi novo faciamos acampadas por Razo, por Baldaio...». Ese vínculo mantívose.

-¿A xente nova implícase como antes no voluntariado?

-Ás veces hai dificultades, tanto no voluntariado como cando se contrata. Así está o que ocorre coas prazas de socorrista. En breve sacaremos 35, e será complicado conseguilas aos primeiro. Teremos que facer dúas convocatorias, como o ano pasado e o anterior. Espero que se cubran. Pode ser que as inquedanzas dos chavales hoxe non son as mesmas, pero en xeral eu diría que se vai mantendo todo ben. Ás veces marcha xente, pero vén outra, hai unha dinámica de baixas e altas e vaise mantendo o equilibrio. Mesmo aparecen agrupacións novas... O outro día, nun congreso en Socuéllamos, eramos 500 persoas.

-Si que baixaron os accidentes de tráfico, ou iso parece.

-Si, e o cambio lexislativo influíu moito. Xa non imos a tantos accidentes graves como antes, pero tamén inflúe que agora hai moitos máis medios: GES, bombeiros... Un mapa de emerxencias moi superior.