«Non hai ningún obxectivo posto. O único, competir todos os choques»

f. rodríguez / m. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

«Esta fin de semana queremos dar unha boa imaxe na casa. O equipo ten que ser exemplar», di Fernando Buendía, técnico do Calvo Basket Xiria

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Calvo Basket Xiria máis renovado dos últimos anos comezou a competición en Primeira Autonómica a pasada fin de semana cun importante triunfo a domicilio fronte ao Rosalía de Castro (64-80). O adestrador, Fernando Buendía, que se estreou en competición oficial co equipo, comentou onte nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños o brillante arranque de liga e as sensacións que lle deixou a actuación do conxunto.

-Xa había ganas de comezar, non?

-Foi un inicio moi esperado e estamos satisfeitos co resultado. Era necesario para poñer o equipo a proba, pois somos o máis novo da competición xunto co filial do Obradoiro. E aínda que xa xogaramos algúns amigables, tiñamos ganas de coñecer outros rivais. Pero está claro que o importante é o traballo día a día, aínda que guste máis competir.

-Como vostede di, é un cadro moi renovado, pero a maquinaria funcionou ben neste primeiro encontro.

-Si, estivo bastante ben. Dominou durante moitos minutos cun nivel altísimo para estas datas e, noutros, estivo un pouco peor, algo atascado e con dúbidas. Isto último é, quizais, un síntoma de ser un equipo tan novo, que o pasa mal, e que cando enlaza varias xogadas positivas, con esa alegría, consegue facer un bo xogo.

-Neses momentos, imaxino que é onde máis se notan as baixas de veteranos como Roi ou Peli, non?

-Non hai dúbida, pois falamos de xogadores moi importantes aquí en Carballo, a nivel de Liga EBA e ACB, que son moi responsables coa pelota, sabendo qué facer con ela en momentos clave, e que son un foco para as defensas contrarias. Está claro que a experiencia é un punto, pero nós este ano temos outro tipo de cadro e temos que intentar minimizar o malo de ser tan pequenos e potenciar aquelas cousas que nos dea a xuventude. Traballamos para iso, para que non se noten esas ausencias. Pero tamén é certo que temos ao capitán, Manu Rey, que é o veterano dentro dos mozos.

-De todos os cambios que presenta o equipo, que destaca?

-É complicado destacar a alguén, quizais polos cambios e o modelo de equipo que che comentaba antes. Pero eu creo que o importante é salientar o colectivo, que temos un equipo no que todo o mundo pode sumar, e que todos poden atopar o seu oco. Niso imos traballar, en tratar de xogar con moitos pases, moi rápido, para que non dependamos de ningún xogador.

-Por todo o que comenta, será un ano de transición ou hai algún obxectivo marcado?

-Non se trata de quedar nun posto ou noutro, senón en ser mellores cada día, isto é, que os xogadores melloren a nivel individual e mellorar como grupo, para acabar o ano mellor do que o empezamos. A partir de aí, será a competición a que nos marque se estar nun posición ou noutra. Iso si, o obxectivo que lles puxen aos xogadores é o de competir todos os partidos. Xa se sabe que hai dous conxuntos potentes: o Cambre, que xa era forte e agora aínda se reforzou dando un salto importante de calidade, e o Obradoiro, que puido fichar a xente que aspira a ser profesional. A maiores, temos que competir contra equipos que contan con xente moi veterana.

-Esta fin de semana estréanse na casa fronte ao Viveiro (sábado, ás 20.00, no pavillón Vila de Noia). Que destaca do rival? Pois van penúltimos, pero só vai unha xornada e a posición pode ser enganosa.

-Ten un adestrador veterano, que é Armando, e algún xogador tamén, con experiencia en ligas superiores, e pouco máis. Entón, mentres non vaiamos coñecendo os rivais, poñeremos o foco no noso. En corrixir aquelas cousas que non se fixeron ben na fin de semana anterior, e neste caso, un pouco coa intención de dar unha boa imaxe, porque xogamos na casa, diante de moita xente e de moitos nenos do club, e o equipo ten que ser exemplar. A imaxe ten que ser igual ou mellor que a dada en Compostela.