Dende o cabazo de millo á orquestra Trébol

María Jesús Fraga Cambón

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe María Jesús Fraga Cambón, voz da Orquestra Trébol | «(...) Todo empezou o día da festa de Santa Margarita de Montemaior: alí estaba eu cos meus pais e os meus irmáns gozando da verbena. A min gustábame moito poñerme diante do palco para ver de cerca os vocalistas e escoitar como cantaban. Recordo que ese día actuaba a orquestra Sintonía da Coruña (...)»

14 abr 2019 . Actualizado a las 21:21 h.

A miña historia profesional non é das máis comúns, pois levo cantando nas orquestras dende os 12 anos. Nunca imaxinei que sería esa a miña profesión, aínda que xa de pequeniña facía as miñas prácticas dende o cabazo do millo da miña casa, que me servía de palco. Pero en realidade todo empezou o día da festa de Santa Margarida de Montemaior: alí estaba eu cos meus pais e os meus irmáns gozando da verbena.

A min gustábame moito poñerme diante do palco para ver de cerca os vocalistas e escoitar como cantaban. Recordo que ese día actuaba a orquestra Sintonía da Coruña, e un dos vocalistas era Xosé Luís dos Pinos, de Berdillo, gran cantante nesa época.

Un de meus irmáns pediulle ao xefe da orquestra se me deixaba subir a cantar unha canción, e el díxolle que si. Daquela colleume en brazos, subiume ao escenario e mandoume cantar. Eu tiña moita vergoña, pero cantar cun micro facíame moita ilusión. Lembro que cantei La de la mochila azul, que naquela época estaba moi de moda.

A raíz deste día presentáronse na miña casa os donos da orquestra Los Gemelos, que oíran rumores que nesa casa había unha nena que cantaba moi ben. Querían que eu fose cantar con eles, pero meus pais non estaban dispostos a deixarme ir. Primeiro, porque tiña doce anos, e por outro lado, porque que nesa época case non había mulleres nas orquestras. Miña nai non quixo nin escoitar as condicións que me ofrecían, pero meu pai escoitou a oferta e ao final foi el quen convenceu a miña nai para que me deixara ir probar un mes. Eles pensaban que ese tempo sería suficiente para darme conta de que non me gustaría a experiencia, mais estaban enganados, porque a verdade é que si que me gustaba e ademais os meus xefes tratáronme como se fose a súa filla.

ANA GARCIA

Pasado un tempo, tamén meus pais se deron conta que ese ía ser o meu futuro. Aí estaba eu con tan só 12 anos cantando nunha orquestra. O peor era que aínda estaba estudando e, a verdade, era difícil compaxinar traballo e estudos, porque daquela traballabamos moitísimas datas. Así, cando rematei EXB, deixei a escola é adiqueime en pleno á orquestra e a facer uns anos de preparación musical no Conservatorio de Música de Carballo, cos profesores Miguel Espallán é Xosé Manuel Yáñez.

Desta etapa na orquestra dos Gemelos teño moito que agradecer. Primeiro, que me desen a oportunidade de cantar e de poder vivir da música; segundo, todo o que viaxei con eles: estiven en Suíza, Brasil ou Inglaterra, nos centros españois: desas viaxes gardo moitísimos bos recordos, dos centros e dos grandes compañeiros cos que tiven sempre a sorte de traballar nesa orquestra. Por último, que tamén aquí nesta formación coñecín ao que hoxe é o meu marido, Javier Bardanca.

Pasados trece anos, deixaba esta formación e pasaba a formar parte da Orquestra Nova Palma de Corcubión, na que estiven cinco anos e á que tamén lle teño moito que agradecer, sobre todo a familia Abelleira polo bo trato que tiveron contigo.

Estando nesta formación casei con Javier Bardanca, que nese momento estaba na Orquestra Trébol de Ferrol. Despois de cinco temporadas na Nova Palma tiven a sorte de que me chamasen para formar parte da Trébol. Para min foi unha lotaría porque novamente podiamos volver traballar xuntos. Nesta formación levo a friolera de 20 anos e seguramente será onde me xubile. Aproveito dende aquí para agradecerlle aos irmáns Cabalar, Paco Pena e Jacinto Paredes por darme a oportunidade de formar parte desta gran orquestra.

Agora pasados 38 anos e facendo balance da miña vida, podo dicir que me sinto afortunada, porque sen buscalo dediqueime ao que máis me gustaba, que era cantar.