«Este título significa moito para min, non teño palabras»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Jorge Parri

LAURA SEOANE, CAPITÁ DO BERGANTIÑOS FEMININO | O seu equipo vén de proclamarse campión da primeira edición da Copa da Costa feminina

26 jun 2019 . Actualizado a las 21:02 h.

O Bergantiños puxo este domingo o colofón a súa terceira tempada dende a súa creación. E fíxoo por todo o alto, levantando a primeira Copa da Costa feminina que se disputa, logo de xogar, por vez primeira tamén, a fase de ascenso a Primeira División Galega. Unhas das persoas que máis celebrou este título foi Laura Seoane Couto, xogadora do equipo roxiño dende que existe e capitá dende a segunda campaña. Aínda que naceu hai 22 anos en Tarragona, froito da migración dos seus pais por traballo, aos dous meses xa se asentou en Carballo, terra natal da súa familia.

-Que significa para vostede o título da Copa da Costa?

-Moito, porque é o primeiro que gaña o Bergantiños e, para min, que levo nas súas filas dende que se creou, é brutal, non hai palabras para explicalo.

-Son conscientes de que con el pasan a formar parte da historia do fútbol da Costa, por ser a primeira edición feminina que se celebra?

-Aínda custa asimilalo, pero saber que o Bergantiños será recordado como o primeiro equipo gañador da Copa da Costa feminina é algo que aínda nos emociona máis.

-Gran parte deste éxito débese a vostede, que iniciou a remontada na prórroga cun gol.

-Estiven lesionada dous meses por un problema no xeonllo que me xurdiu a raíz dun quecemento, e pensei que non ía chegar a tempo para este partido. Cando me deron a alta fíxome moita ilusión, a mesma que o míster [Gueli Cotelo] me dera a oportunidade de ser titular. E o gol xa nada, foi unha alegría terrible porque, ademais, supuxo o meu primeiro da tempada.

-Vostede é central. Como logrou que o esférico entrase entre os tres paus?

-Estabamos sacando un córner e o adestrador sempre quere que dúas xogadoras quedemos atrás para facer vixilancias. Pero As Miúdas deixaban só unha dianteira arriba e non moito no noso campo. Entón, xa estando as dúas centrais no campo delas, adianteime un pouco para que se caía un balón o puidese rematar como fose para que non caese unha contra. E a verdade é que o coiro me veu moi ben. Golpeei e foi para dentro.

-Era necesaria a creación da edición feminina deste torneo?

-Tanto ás Miúdas como a nós, gústanos que se fixera porque, aínda que elas levan un ano menos que nós nesta andadura, merecían igualmente o premio de xogar un partido destas características.

-Que pasos lle gustaría que se desen a partir de agora na Copa?

-Oxalá que o Mazaricos e o Cee, que teñen a idea de crear un equipo feminino para a próxima tempada, o consigan e, así, poder facer unha Copa da Costa máis completa, con máis esencia e maior competitividade, sen chegar á final directamente.

-Como comezou a xogar ao fútbol?

-A fútbol campo comecei coa creación do Bergan. A fútbol sala xoguei no Viaxes Amarelle e no Ponteceso. Foi algo que sempre me levou idea, dende pequena. O que máis me gusta é o fútbol campo, por iso a creación do Bergantiños supuxo un paso moi importante para min.

-Agora tamén é adestradora. Como deu este salto?

-No club ofrecéronme ser axudante de José en biberóns, e resultoume unha experiencia moi enriquecedora. Gustoume tanto que saquei o curso de monitora de fútbol base. E a raíz diso, levei un dos equipos prebenxamíns e axudei a Isa co conxunto da Liga Promesas. Foi un ano moi bo.

-Vostede xa é fixa no Bergantiños ou gustaríalle probar noutros equipos?

-Ou me reclama o Dépor, equipo do que son, ou non vai haber fallo [ri].