Christopher Selecto: «Quédome co ano que ascendemos sendo 17 xogadores de Carballo»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O exporteiro do Bergantiños, destacado na Terceira División galega, está próximo á súa retirada

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son trece as tempadas que Christopher Lorenzo Pallas, Selecto, leva xogando en Terceira División Nacional de fútbol. Gran parte delas foron no Bergantiños, o equipo do seu pobo, pois aínda que naceu en Ginebra hai 33 anos, criouse en Carballo, na canteira vermella. Este ano pon fin á súa traxectoria polo club bergantiñán sen coñecer aínda o que lle deparará o futuro. Polo momento, pensa en gozar do tempo que lle queda atrapando balóns, que xa avanza que será pouco. O porteiro recoñecido no 2018 como o meta menos batido da liga na Terceira galega entra na recta final da súa traxectoria deportiva.

-Como se deu a súa saída do Bergantiños?

-Dende que me decatei por outro lado que o club estaba negociando con outros porteiros. A directiva decide comunicarmo a min e tocou asumir a decisión.

-Había interese pola súa parte en seguir?

-Si, estaba á expectativa de negociar o que quería o club, pero xa non fixo falta. Foi bastante triste que despois de tantos anos na entidade non teñan a decencia de dicircho á cara. Sobre todo, antes de negociar con outra xente. Pero bueno, isto é fútbol, e se eles pensan que o fixeron mellor, pois é o que hai.

-Levaba moitos anos coa elástica vermella. Estivo nunha primeira etapa, despois foi para o Cerceda, e regresou ata agora. Isto vai supoñer un cambio na súa vida, xa que por riba vostede é de Carballo.

-É un cambio porque tampouco tiña pensado o que ía facer a vindeira tempada, sobre todo polo tema do covid. Pero ao final, aquí levaba os últimos sete anos seguidos, era o equipo do meu pobo, onde vivo, con xente da miña casa. Agora toca emprender outra aventura que aínda non sei onde, pero váiseme facer raro por toda a comodidade que tiña aquí.

-Xa está en contacto con algún club?

-Si, pero sigo esperando ofertas. Aínda que tampouco é algo que me quite o sono. De momento, teño moito que pensar o que vou facer para a vindeira tempada. Como sempre dixen, se podo xogar en Terceira División, mellor, pero dáme igual que sexa en Preferente, Primeira ou Segunda. O que quero é gozar, xa que o ano pasado por mor das lesións e este polo covid non se puido rematar a tempada como a nós nos gustaría, e polo menos, para sacarme esa espiña de acabar ben a última ou a penúltima tempada que me queda vinculado ao fútbol.

-Xa pensa na retirada?

-Si, non o quero alargar moito. Creo que ao final levo toda a vida facendo o mesmo. Penso que hai etapas na vida que tamén hai que pechar, e o fútbol, nun ano ou dous, tocará deixalo. Non quero ir arrastrándome polos campos de fútbol, a verdade [ri]. Teño 33 anos, ou sexa que nos 35 poñerei o tope.

-Vai pesando a idade?

-Son moitos anos xa. Levo toda a vida xogando ó fútbol. Ao final son todas as fins de semana concentrado, moita lea de adestramentos... Está claro que me dou moito, pero xa hai que ir mirando outras cousas máis importantes na vida.

-Máis alá do fútbol, en que inviste o seu tempo?

-Traballo no que vou podendo. Sobre todo, porque normalmente co tema este de contratos curtos é complicado hoxe en día ter un traballo fixo. Ata agora estaba traballando en Carballo, e mentres me vaia durando iso, para min sempre foi primordial o traballo e o fútbol sempre o vin como unha afección.

-Gustaríalle quedarse nalgún equipo da zona ou mellor probar fóra?

-A verdade é que pola zona vai ser moi complicado xa que todos os equipos teñen pechada a portería. Así que se quero xogar en Terceira vou ter que desprazarme ou saír a fóra, pero bueno, non é algo que me vaia importar, non tería problema algún en facelo. Non estou cerrado a nada nin a ningunha categoría.

-Da etapa no Bergan con que se queda? Vostede nunca chegou a xogar en Segunda B.

-É a espiña que teño, non poder levar ao equipo ao seu obxectivo, que era a Segunda B. Está claro que foron moitos anos, anos moi bonitos e anos tamén amolados. Pero se me teño que quedar con algo, quédome co ano de Preferente, o meu primeiro aquí na etapa de Chano Calvo. Creo que eramos 17 persoas de Carballo e creo que foi algo moi bonito polos xogadores cos que se viviu. Creo que foi para Carballo algo moi importante. Lograrámolo ascenso a Terceira.

-Parece que este ano o Bergan aposta pola xuventude.

-Bueno, ós máis veteranos botáronnos fóra, si. Non creo que fora o problema a idade dos xogadores, pero si, creo que está cambiando bastante o tipo de futbolista que se está fichando, pois xa se está indo cara xogadores de Segunda B. Penso que están facendo unha moi boa plantilla.

-Para os curiosos. De onde vén o alcume de Christopher Selecto?

-Iso queda reservado para min [ri]. Era unha tontería que tiñamos entre un amigo mais eu e quedoume. Gústame!