Manazas

Paco Cotelo IN MEMORIAM

CARBALLO MUNICIPIO

23 jul 2021 . Actualizado a las 23:34 h.

Canedo [José Manuel Canedo Pena, Manazas] foi o primeiro amigo bruxo que eu tiven. Coa súa maxia era capaz de abarrotar de xentes o pavillón dos deportes e de ledicia os olimpos das glorias mozas. Pracer daba velo voar, con aquelas mañas que Deus concede só a uns poucos elixidos. El era quen de levar á vista de todos un balón brillando coma se fose unha estrela recén colleitada do caixón das sorpresas, para facelo desaparecer entre os dedos das súas grandes mans, diante de todos, xusto o intre que dura o xúbilo das multitudes cando marcan o tanto das súas vidas. Gol, goool... oíase en todo Carballo, sucumbindo ante o acto de malabarismo co que nos acababa de agasallar. Gañar ou perder, naqueles partidos, pasaba a segundo plano, tras ser testemuñas daqueles goles imposibles que el creaba; tratábase de gozar da beleza, da harmonía, das agallas, o descaro e a intelixencia que se desprendían dos seus movementos en cada partido.

Sen présas, pero sen pausas; lento, pero veloz coma esquío subindo ao bico dun pino; manso, pero fera. Tranquilos, tranquilos... recomendábanos aos seus escudeiros, coa sabedoría que nace de ser dono do espazo-tempo no xogo. Todo entoaba neses intres de maxia que el creaba, a... Calma compinches, que a amistade dura mil séculos, e os partidos unha vida. Ata pronto, amigo, por moi lonxe que vaias a túa estela sempre indicará un bo camiño. Descansa en paz, Mestre.