A mestra que se resiste a baixar das táboas

CEE

dani gestoso

A boirense Marta Ríos é unha das integrantes da compañía Talía Teatro, xurdida en Cee

22 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda sendo moito máis ca unha afección, o mundo das artes constitúe na meirande parte das ocasións unha vía insuficiente para subsistir, polo que músicos, creadores e actores se ven obrigados a compaxinar a súa paixón cunha segunda profesión. No caso da boirense Marta Ríos, esa é a docencia. Desde hai un tempo, compatibiliza os ensaios e as xiras de Talía Teatro, compañía fundada en Cee, coa escola infantil municipal, onde exerce de mestra. Asegura que o seu corazón está dividido, pero se puidera, estaría sempre enriba das táboas.

Marta Ríos comezou nunha formación de carácter local. No seu caso, foi a agrupación da súa terra, Teatro do Improvisto. Da man de Artur Trillo sentiu por vez primeira os nervios antes de enfrontarse ao público e a satisfacción que supón unha recompensa en forma de aplausos. Foi este director o que a levou para unha compañía profesional, Talía, hai xa 17 anos. Lembra, case coma se fora onte, a primeira montaxe, Menos lobos, e tamén o primeiro monólogo infantil, Mundos contados, que levou a escena baixo a dirección de Paula Carballeira. Garda tamén un recordo especial de Volpone, a montaxe que lle serviu para facerse cun María Casares, os premios grandes do teatro galego. Pero os títulos que están agora mesmo na súa axenda son Ubu rei, un espectáculo para adultos, e Sopa de sapo, montaxe infantil. Ríos ten, ademais, novos proxectos coa compañía de Artur, obras que espera empezar a ensaiar na recta final do ano. A súa paixón polo mundo da interpretación fai que se resista a baixar do escenario e iso que desde hai uns meses, a maternidade sumou á súa vida unha nova e absorbente faceta: «Conciliar é moi complicado, sobre todo con dúas profesións. Para realizar a última xira con Talía tivera que pedir unha excedencia na escola e a raíz da maternidade, vinme obrigada a deixar aparcado un tempo o teatro». Procura darlle carácter educativo a moitas das súas funcións, ao tempo que encandea aos pequenos botando man dos contos. O de narradora é outro apartado no seu currículo.