Compromiso coa vida e coa xente

Lurdes Pardo Fernández

DUMBRÍA

Ana Garcia

«Agradézolle aos meus veciños o gran agasallo que me fixeron: o regalo da lingua, que fun aprendendo e valorando e que se converteu no meu idioma habitual», escribe Lurdes Pardo Fernández, que durante vinte anos foi mestra en Buxantes, Dumbría

22 abr 2018 . Actualizado a las 23:09 h.

Cheguei a terras de Buxantes alá polo ano 1980. Para entender a miña presenza aquí, imos facer un pouco de historia.

Nacín en Santiago no ano 1944 nunha familia moi crente e comprometida. Entrei no noviciado da Compañía de María en Orduña. Rematado o noviciado e xa en Madrid, seguín os meus estudos de Filoloxía Clásica, empezados na Universidade de Santiago de Compostela.

Os meus primeiros anos coma ensinante transcorreron nos colexios da Compañía de María de Vigo e Santiago.

Xa nos anos setenta, despois do Concilio Vaticano II e tratando de dar resposta aos interrogantes que este nos formulaba, a nosa comunidade de Santiago, xuntamente con outras persoas e entidades, sentimos a necesidade dun cambio no noso compromiso como crentes. Un espertar á realidade galega, unha sensibilidade especial cara as realidades marxinadas, a chamada do mundo rural… axudáronnos a descubrir unha fonda conexión entre fe e vida.

Fixen as oposición de maxisterio para facilitar unha regularidade e asentamento no rural. E foi así como cheguei a estas terras nas que levo trinta e oito anos. Sabía que a miña presenza no rural non se acababa co traballo na escola, moi importante para min, ao que estou moi agradecida e gardo o mellor dos meus recordos. San Cremenzo, Dumbría, moitos nenos e nenas que coñecín quixen -e quero- e que nos enriquecemos mutuamente.

Dende un principio intentei vivir en proximidade a miña relación coa xente, adaptándome a esta nova realidade. Agradézolle aos meus veciños e veciñas en primeiro lugar o gran agasallo que me fixeron, o regalo da lingua que fun aprendendo e valorando con eles e que agora é o meu idioma habitual: o galego. Agradézolles tamén o seu agarimo e acollida. Buxantes é a gora non só o lugar no que vivo senón tamén a miña familia, que me coida e que se preocupa por min.

Durante todos estes anos e sempre fiel a miña opción de fe estiven colaborando en distintas actividades: movemento rural, grupos de mozos e mozas, actividades na parroquia, así como un compromiso con distintas asociacións.

Endexamais tiven a tentación de abandonar. Foi precisamente a chamada que me trouxo ata aquí o que fixo que no 2000 tivese que tomar unha difícil decisión, deixar a Compañía de María. A ela débolle moito do que son, nela viven experiencias únicas e déronme a oportunidade de poder vivir no rural o meu compromiso de fe, de vida, de galeguidade… O meu agradecemento tamén a todos esas persoas coas que vivín e me axudaron a ser esa persoa que son hoxe en día.

Nestes derradeiros anos da miña vida, sexan moitos ou poucos, gustaríame vivir plenamente e aproveitar as novas oportunidades que a vida me está a presentar. A chegada á nosa parroquia dun novo sacerdote, Désiré, de Costa de Marfil, transmitiunos unha inxección de vida, de experiencia de fe, de ledicia, que a min persoalmente me está axudando a vivir dun xeito moi positivo.

Con el estou a descubrir unha nova realidade, África, e en concreto a Costa de Marfil, unha realidade dura, pero amable; esixente, pero gratificante, coa que tamén quero colaborar e comprometerme. Penso que hai que ser conscientes de que, a parte da nosa realidade, existen outras que tamén chaman por nós e que, se somos sensibles ás chamadas do lugar no que vivimos, non debemos quedar impasibles ante esas outras realidades que esperan de nós unha man tendida ó tempo, que nos ofrecen novos valores e oportunidades.

Uns datos biográficos...

Lurdes Pardo Fernández. Formada en Filoloxía Clásica e docente durante algún tempo nos colexios Compañía de María (Santiago e Vigo), Lurdes chegou a Dumbría no ano 80 para continuar no ensino. Deu clase aos nenos e nenas de San Cremenzo (Buxantes) nunha pequena unitaria de pedra. Namorada do rural e tamén do galego, estivo sempre moi activa na vida social e cultural da vila, mesmo chegou a presidir algunha asociación local, e en entidades solidarias.