«Afronto o ano coa idea de acadar o terceiro campionato consecutivo»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

EDUARDO PEREZ

ATLETAS DO ATLÁNTICO | ENTREVISTA | «O Rali de Noia é para min como correr na casa, espéroo con moita ilusión», di o dumbriés Vitor Senra

18 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É o actual campión galego de ralis. De feito, é bicampión da especialidade (2017 e 2018) e acadou ao longo da súa longa traxectoria deportiva, entre outros triunfos de prestixio, dúas vitorias no Campionato de España. En concreto, en Llanes no ano 2013 e en Ferrol, no 2016.

Fillo do tamén piloto Manuel Senra, Víctor Manuel Senra Carreira (Olveira-Dumbría, 1984), Víctor Senra, como é coñecido no mundo do motor, comezou dende novo -tempada 1996-1997-, nos karting, onde quedou campión júnior no ano 1999.

Víctor Senra afronta esta nova tempada cun Citroën C3 (R5, categoría FIA, xusto por debaixo do World Rallye Car), pertencente a escudería Yacar Cross Racing de Culleredo.

-¿Que balance fai da primeira carreira, o Rali da Coruña, onde rematou segundo na xeral por detrás do herculino Iván Ares?

-Moi ben. O coche respondeu moi ben e creo que acadamos un gran resultado, sobre todo pensando no campionato galego, que é o que importa.

-¿Cal é o obxectivo para esta tempada?

-Afronto este ano co obxectivo de acadar o terceiro campionato consecutivo. Son nove probas do calendario e somos optimistas de poder logralo de novo.

-¿Ten coche para ilo?

-A verdade é que si. Temos un gran coche e un gran equipo de competición. Nese sentido estou moi tranquilo.

-A vindeira proba celebrarase a primeira semana de abril e será o Rali de Noia. ¿Que pode adiantar do trazado?

-Do percorrido, máis ben pouco porque aínda non se coñece por completo. Lembro o de anos anteriores e caracterizábase por ter tramos moi técnicos e moi rápidos. Alí xa gañei ano 2017 e teño moi boas sensacións para a proba da primeira fin de semana de abril.

-¿Ten un sabor especial correr en Noia?

-Para min é como correr na casa, porque, de feito, en anos anteriores, algúns tramos pasaban preto da miña casa, en Olveira. Teño a ilusión de acadar un bo resultado pensando na xeral da clasificación.

-¿É un percorrido axeitado as características do seu coche e da súa forma de pilotar?

-O coche que temos este ano é moi competitivo, trátase dun Citröen C3-R5 de 300 cabalos de potencia, que vai moi ben neste tipo de trazados. A nivel persoal, creo que é un percorrido, polo que comprobei en anos anteriores, que me vai ben. Afronto este rali con moita ilusión e con gañas de facelo ben.

-A afección non fallará a cita.

-Nunca falla, sempre está aí, apoiando a todos os pilotos. Esta bisbarra ten moitos seguidores no mundo do motor, como xa se puido comprobar na primeira cita, o Rali da Coruña [houbo tramos en Cerceda e na Laracha].

-¿Quen será o copiloto en Noia?

-Volverá comigo David Vázquez [de A Estrada] que non puido participar no Rali da Coruña por unha lesión. Na primeira proba contei como compañeiro con Moncho López.

-¿Vai levar a cabo algún tipo de adestramento antes da cita noiesa?

-En principio, non. Dedicaremos o tempo a preparar o coche e telo todo listo para a proba.

-¿Con quen se xogará o título autonómico?

-Alberto Meira, de Vigo, e Iago Caamaño, da Coruña. Creo que serán os dos máximos rivais, tanto en Noia, como no resto de probas do calendario. Son dous moi bos pilotos, con experiencia e con dous grandes coches e escuderías. Serán os dous grandes rivais, que non deixan de ser grandes amigos.

-¿Pódese ter amigos nunha disciplina tan competitiva como é o mundo do motor?

-Si, eu dende logo si os teño. Tanto Alberto Meira como Iago Caamaño son os meus amigos. Levámonos moi ben e a rivalidade é só deportiva. Só cando poñemos os cascos e nos subimos aos coches para comezar a correr. Ao rematar un rali volvemos a ser amigos.