Turismo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

11 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro cando os conselleiros, e outras altas autoridades, acudían á Costa da Morte a inaugurar casas de turismo rural. Hoxe é impensable, pero daquela era o normal: había poucas, o sector despegaba, o futuro era extraordinario, abrían ou reabrían hoteis... A Costa da Morte ía ser unha potencia, arrasaba nas feiras de turismo.

O tempo vai poñendo todo no seu sitio. Ás veces, cun paso cara diante, e outras, cara atrás. Algunhas daquelas casas xa non funcionan, ou fano estacionalmente. Houbo hoteis míticos, como o Hórreo, que reabriron e pouco duraron. Anunciáronse outros importantes, como un en Cospindo que aí se quedou. Do parador, mellor non falar. Algúns eventos baixaron o pistón. As asociacións turísticas foron esmorecendo. A de Fisterra empezou con forza, pero rematou. Na de Muxía eran cinco, agora tres. Había colas inmensas cara a Mostra do Encaixe. Hainas, pero menos. O faro de Fisterra, o único local de Galicia con miles de entradas garantidas sen ter que facer nada, pechado. O célebre consorcio de turismo tivo mil nomes e mil reunións e aínda lle custa arrancar como xeodestino. Son algúns exemplos, hai máis.

E, con todo, a Costa da Morte arrasará esta Semana Santa. Porque é unha das comarcas máis fermosas de Galicia e con máis atractivos. Porque ten locais hostaleiros que están traballando ben, arriscando do seu peto e aproveitando ben as axudas europeas. Porque a Ruta Xacobea é un imán espectacular que merece un segundo estudo do CSIC. Porque hai tradicións que non se atopan noutros sitios. Polas andainas. Polo patrimonio. Polo sol. Polo mar. ¿Como sería daquela con todo ben feito?