«Temos potencial para facer da Costa da Morte a costa da creación»

v. couto / j. v. lado CARBALLO, CEE / LA VOZ

FISTERRA

JORGE PARRI

A poetisa promoveu o encontro literario que comeza esta tarde en Fisterra

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Branca Vilela Fernández (A Coruña, 1964), ademais da súa propia creación, tamén está sempre movéndose en favor da literatura e dos actos culturais como o encontro literario Atlántico e Mediterráneo: mar de palabras que comeza hoxe en Fisterra.

-¿De onde xurdiu a idea?

-Foi unha chamada de Emilio Villanueva, vocal do Centro Galego de Valencia, que quería facer un encontro en Fisterra. Púxose en contacto comigo e eu, á súa vez, púxenme en contacto con Basilio Rodríguez Cañada, presidente da editorial Sial Pigmalión. Propuxémoslle a idea ao Concello que a acolleu moi ben. Teño que dicir que en Fisterra xa se fixeron hai uns 10 anos, a raíz da distinción de Patrimonio Europeo, cando estaba Traba, dúas xornadas literarias máis ou menos parecidas. Entón é darlle máis ou menos continuidades, retomalo. Ademais, o ano pasado xa se fixera en Cabana de Bergantiños.

-¿Como se vai desenvolver?

-Comeza hoxe pola tarde, coa inauguración ás cinco e media e vai rematar o domingo, día 17, ás 12 da mañá.

-¿Que teñen programado?

-Moitísimas actividades que quero dicir que están abertas a todo o público que queira asistir. Sempre hai un pouco de queixas por parte da xente de que non se fai nada pola cultura. Agora teñen unha oportunidade de participar. Aparte das moitas mesas redondas nas que se debaterán diferentes temas, hai tamén moitos recitais poéticos, unha actuación do grupo de baile rexional de Fisterra e un concerto de canto gregoriano na igrexa de Santa María das Areas. Unha morea de actividades para todos. O programa pódese consultar na páxina web do Concello e na prensa.

-¿Que obxectivo persegue?

-O que se pretende é facer da Costa da Morte a costa de creación. Temos un gran potencial de artistas, de escritores, de poetas,... entón xa a Costa da Morte en si é un nome que vai por todo o mundo e agora trátase de traer o mundo aquí, neste caso a Fisterra. Ao darlle carácter internacional, veñen autores de Senegal, Eslovaquia, Guinea Ecuatorial, Francia, Perú... O encontro pretende que nos vexan a nós, a todos, dando esa proxección da costa, da cultura, da creación, da creatividade.

-Invita entón a acudir.

-Alegraríame moito que, aparte dos asistentes, a xente se achegase. É unha experiencia moi bonita, moi emocionante sobre todo. Tamén dentro deste encontro vaise facer unha presentación dunha antoloxía, Costa da Morte Territorio Literario, na que aparecen máis de 42 autores de toda a zona. É unha maneira de dicir: «Así somos e así queremos que nos vexades».