Marta, a historia dende o outro lado

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

A actriz fisterrá Marta Lado, que tamén anda de xira coa obra Fariña, vén de internarse na escrita: a súa obra «A pita xefa» mereceu o premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade

19 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pataca, pita, mamá e papá foron das primeiras palabras que pronunciou Sia —sen til, nome de orixe gaélico—, a pequena da que é nai a actriz fisterrá Marta Lado (1981). Foi por ela que se internou no mundo dos contos, para elixir aqueles que máis lle acaían segundo cada tempo, e foi por ela que tamén se meteu na escrita: «Estou empezando a coñecer o mundo da literatura infantil a conta da miña filla», dicía onte Lado. E eses comezos foron con moi bo pé, pois A pita xefa é hoxe un libro publicado por Baía Edicións logo de ter gañado a terceira edición do premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade. «Á nena gustábanlle moito as pitas, ía dicindo as cousas que tiña preto, e como a avoa tiña pitas...», conta Marta. De aí que unha galiña, unha que quere facer salto ou bailar claqué e mesmo mudar as normas do galiñeiro, onde soe mandar o galo, sexa a protagonista deste conto con ilustracións de Marina Seoane que viu a luz en novembro do 2021 e que está a ter moi boa acollida.

«É un soño. No fondo, e aínda que nunca o expresara en alto, escribir gustoume sempre, para min, para traballar... Pero ter un libro creo que foi algo que sempre estivo aí, algo que me gustaría facer... e este chegou case regalado, porque parte do premio era editalo», valora Marta. Ten lonxe na memoria ter enviado no seu día un relato para adultos a algún certame, pero xa moito tempo atrás: «Dende que son adulta nada enviara». Así que este primeiro atrevemento co concurso convocado por Baía non puido saír mellor. O da temática da igualdade vén a dar na mesma orixe: «A miña filla. O que busco é darlle a ela nos libros que lle merco ou que lle achego referentes diferentes aos que seguimos tendo, e que marcan estereotipos sempre cun varón dominante e as mulleres reservadas ás cousas do fogar, ou a ser princesas... Por iso me gustou este certame de Baía, paréceme importante crear unha biblioteca en galego que conte as historias dende un punto de vista no que as mulleres sexamos protagonistas, cunhas aspiracións que, cando era nena, non mas presentaron así. Pódense mirar as cousas de xeito diferente, os pequenos xa o fan, somos nós os que lle damos miradas estereotipadas», sopesa. Con dous anos e medio, Sia xa diferenza roles: «Témolo que traballar na casa, deconstruír xa con esa idade», engade.

Maternidade, pandemia, e mesmo «a idade» trouxeron todo un cambio para a fisterrá: «Non sei se me acordo da persoa que era antes», ri. Pillouna o peche cunha bebé de nove meses: «Aínda me estaba afacendo a ser mamá e de repente cambian os paradigmas, pero ao final o certo é que nos formamos coas circunstancias». Unhas que, no seu caso, acabaron levándoa a esta publicación.

As pequenas cousas

Xa contou A pita xefa no que foi o seu colexio, o Nosa Señora do Carme, e agarda poder facelo no Mar de Fóra. Da man do Concello de Fisterra, presentou o libro ao público a finais de decembro. «Primeira e única presentación, xa que me cadrou coas funcións de Fariña...», di. Porque Lado integra o novo elenco que, dende que se retomou a xira o pasado de agosto, representa esta adaptación ao teatro da obra de Nacho Carretero, dirixida por Tito Asorey. «Agora en xaneiro e febreiro andaremos por España adiante e en marzo chegaremos a Galicia, onde tamén se incorporará Touri»: pasarán por Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vilagarcía, Lugo, Ourense, Vigo, Ferrol, Cangas...

AINÉ

Todos van mudando de personaxes e papeis e a Marta cáelle unha parte bastante «dramática». «A xente está reaccionando moi ben á proposta, e espero que aquí en Galicia, onde todos coñecemos máis ou menos de preto esta historia que é nosa, tamén sexa así»: «Dramaturgo e director traballaron a experiencia do espectador de forma que as emocións van subindo e baixando todo o tempo... Estás de festa, feliz, e de repente, ovazo na cara», ilustra.

Marta Lado, no momento de recoller e agradecer o seu Mestre Mateo
Marta Lado, no momento de recoller e agradecer o seu Mestre Mateo MARCOS MÍGUEZ

A publicación de A pita cega e o «premiazo» de subir aos escenarios con Fariña, ademais do Mestre Mateo pola película Ons, son parte do balance positivo que Marta Lado fai do 2021: «Iso, claro, sumado ao principal, que é que todos os meus están sans, e con iso xa...». Ten novos proxectos entre mans, pero prefire non avanzar. Marta é de valorar as pequenas cousas: «Eu sempre fun así, e bastante presentista, día a día, será polo desastre que son. Dásme unha pastilla de chocolate pola noite e xa estou contenta», asegura. Dende o 2017, ela é, ademais, a directora da Aula de Teatro Municipal de Fisterra, na que ten de alumnos a 16 mulleres e un home. En tempo de pandemia, e tras ter que parar as xuntanzas, optaron por clases en liña e por facer ficción sonora, teatro de radio: «Toda unha experiencia» da que resultou O crime da Orca Vella. Agora xa retomaron as sesións presenciais e traballan na memoria de Fisterra, historias que lles contaron, que saben, que imaxinan... «Creación colectiva» que ten moi ilusionada a esta nai-actriz-escritora que ten claro que conciliar sen avós é imposible e menos non tendo «un traballo cun horario estándar». Viven a cabalo entre Santiago e O Pindo e sempre escapan a Fisterra.