María Canosa e dous mozos acordeonistas animarán os premios dos Contos de Nadal

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

JORGE PARRI

A entrega de galardóns será o sábado, ás 12.00 horas, no Salón do Voluntariado de Muxía

14 dic 2017 . Actualizado a las 13:18 h.

O talento creativo dos máis nonovos ten unha cita na comarca esta fin de semana. O sábado entregaranse os premios do certame Contos de Nadal, de La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de EDP Renewables e Fundación EDP. Será ás 12.00 horas, no Salón do Voluntariado de Muxía, en colaboración coa Fundación Gonzalo López Abente.

A entrega de galardóns, presentada pola xornalista Verónica Couto, reservará tamén espazo para a compaña da escritora ceense María Canosa, quen precisamente gañou recentemente o Premio Merlín de literatura infantil coa súa obra Muriel. Posto que a velada vai de contos, avanza a autora que ela lles vai contar dous aos pequenos, relacionados coa época do ano na que estamos e coa climatoloxía propia. A maiores das intervencións e da recollida de recoñecementos propiamente dita, os asistentes poderán disfrutar ao final do acto de tres intervencións musicais de mans de dous acordeonistas mozos -de entre 14 e 16 anos-, ambos alumnos da Escola de Música de Cee, dirixida por Fernando Fraga. Trátase de Álex Castro, que interpretará Fandango de Kepa Junkera e Jota da Mahía, unha peza tradicional, e mais de Eloy Mato, que ofrecerá na vila da Barca A gaita de Melchor. Despois, conxuntamente, unirán talento en Café París.

Alcaldes da comarca e apoio de EDP

Como vén ocorrendo xa nos últimos anos, a entrega de premios dos Contos de Nadal eríxese tamén un encontro de autoridades da comarca e máis de institucións. Neste caso, ademais de José Toja Parajó, de EDP Renewables, estarán presentes os alcaldes dos municipios onde houbo alumnos premiados. Acudirán, pois, Ramón Vigo, rexedor de Cee, polo centro Manuela Rial Mouzo; Manuel Muíño, alcalde de Zas, polo colexio Labarta Pose de Baio; e Antonio Pensado Plágaro, rexedor en funcións de Coristanco, polo CEIP de Bormoio-Agualada, que é onde estuda Samuel Antelo, autor do conto que levou o primeiro premio.

Antes de que os nenos vaian recollendo os seus diplomas e agasallos, tamén haberá un recoñecemento para os membros do xurado e para os mestres dos colexios mencionados, que foron os que acadaron que as creacións literarias dos seus pequenos quedasen entre as dez máis valoradas na deliberación. Este ano, no que se acadou a 14.ª edición do concurso, chegaron ao certame un total de 133 propostas de contos, procedentes dunha ducia de colexios das comarcas de Bergantiños, Soneira e tamén Fisterra.