Sisley na Ponteceso

Miguel A. Mato O LECTOR DO PARAÍSO

PONTECESO

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Contemplei o val asolagado. Dun xeito intuitivo, imaxineime un pintor, un poeta, un músico, outro eu que me deixara traspasar a dimensión contemplativa e chegar a outro dominio, máis fondo, de inexplicábeis significados. Ante min aparecía un mosaico de pequenas lagoas, círculos imperfectos, como ollos húmidos de xigantescas ras sobre as leiras onde medra o millo. Se estendes o brazo e os dedos, o índice semella un pincel que vai debuxando cada pequena lagoa, pintando as liñas de xungos e cañiceira até o fondo do cadro. Moitos anos despois vin por primeira vez que vin un cadro de Sisley, nun catálogo que a miña avoa me agasallara no cumpreanos. Os óleos das enchentas en PortMaly semellaban as que de neno eu contemplaba na Ponteceso. O pincel semellaba deslizarse sobre as leiras e o xungal, transmitindo os efectos da auga, o ceo e a terra. Sen dramatismo, mais transmitindo unha serenidade na escena idéntica á do pintor francés. O pintor decide as cores máis oscuras, os matices de verdes, marróns claros, case amarelos, das canas; na súa paleta vai mesturando outros, logrando un cromatismo apagado, baixo o ceo de nubes grises polas que, de xeito tímido, algunha raiola logra penetrar e navegar rápida para resaltar un vermello intenso nas follas das silveiras, un gris de pérola na auga das lagoas, que Escurece aínda máis as súas beiras. A súa ollada pescuda no ar a fraxilidade. As siluetas das aves que revoan a auga en bandos cinxidos. Contra a banda de Lestimoño logra apreixar as cores metálicas doutras aves, siluetas en branco e negro que se erguen sobre a terra e pérdense no ar gris da tarde. Cando visitei o museo de Orsay sentín que volvía a min aquel neno que medrara entre as lagoas do inverno e soñara con todas aquelas pinturas. Como se Sisley regresara á Ponteceso.