A aldea-país dos nenos e os mozos

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Mocidade comprometida co rural ocúpase da Escola de Verán Monte Branco do Couto

07 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Verán e inverno escóitanse risas. Hai vida, e cada vez máis. Traballan para iso. Semella un país distinto. Alí onde os camiños e as rúas se estreitan, o mundo e a mirada, por paradoxo que pareza, faise más amplo para Rosalía Bouza -grao en información e documentación-, Carmen Fuentes -psicoloxía-, Aida Pérez -animación sociocultural e turística-, Leticia Recarey -educación primaria-, Laura Nantón -rama biosanitaria-, Uxía Varela -galego e portugués-, Miriam Amado -INEF-, Eloy Vidal -son para audiovisuais e espectáculos e produción musical-, Eloy Castro -integración social-, Adrián Varela -artes gráficas- e Ángela Domínguez -animación sociocultural e educación infantil-. Teñen entre 18 e 35 anos e un vencello que os une: elixiron comprometerse co rural, reivindicalo.

Con disciplinas e estudos superiores tan distintos ás costas, nalgúns casos xa rematadas e noutros en curso, estes 11 mozos, e algúns outros máis que os apoian a miúdo, atoparon na pequena Aldea do Couto (Ponteceso) o almeiro da sabedoría, o lugar onde seguir formándose día a día, o espazo onde á mocidade non lle falta de nada e onde cada día poden aprender, gañar experiencia. Alí conflúe e está todo, a poción máxica que conserva a esencia do mundo rural que un día foi e que queren que sexa. Ilusión, resistencia, visibilidade a través da cultura e a educación.

Non todos veñen da rama do ensino, mais fixeron do compromiso coa educación rural a súa aposta consciente para hoxe ser exemplo de mocidade activa e responsable, voluntarios na meirande parte do ano. Todos posúen o título de monitor de tempo libre. Así, ao seu cargo, dende o 24 de xullo, teñen a uns 120 nenos. Rosalía, Carmen, Aida, Leticia, Laura, Uxía, Miriam, os dous Eloy, Adrián e Ángela son nestes intres os monitores da Escola de Verán Monte Branco, iniciativa precursora (logo virían os proxectos municipais de conciliación) que sempre tivo un mesmo obxectivo nestes 35 anos dende a súa fundación no 1982: que os nenos, mozos do futuro, sexan felices nunha aldea que lle canta á esperanza, chea de vida.

Unha conexión «diferente»

Algo deberon facer ben en todo este tempo, algo debe de ter esta aldea, para que, hoxe, rapaces como a coruñesa Rosalía Bouza (23 anos) se desprace dende A Coruña para atender pola mañá a Escoliña. É o seu primeiro ano: «Me llamó mucho la atención O Couto, la Fundación Eduardo Pondal. El hecho de que, para los pocos vecinos que son, tengan tanta actividad cultural, incluso más en grandes ciudades. ¡Y que haya tantos niños! La conexión con ellos es diferente, especial. Los niños del rural se implican más, son más sociables, menos caprichosos», asegura rindo. Cre que o termo nini xa está obsoleto. Ela, en todo caso, sería exemplo de sisi. Polas tardes ten ocupación tamén na Coruña.

O mundo tranquilo, lento

Na Escola Monte Branco, que segue a conservar o nome e o logo fundacional deseñado por Felipe Senén, tratan de ralentizar o mundo. Alí, os nenos coñecen que tamén se pode aprender a sumar con pedras. Aprenden a convivir entre idades («é o natural»), aprenden a que non todo ten que ser rápido nin fugaz, aprenden que os mozos poden ter saída no entorno rural. Precisan oportunidades. Non se buscan grandes proxectos, senón pequenas vivencias. Hai uns días, cada pequeno levou nas mans un limón, regalo dun veciño. Fixeron limoada. Implícanse tanto que mesmo ceden as súas casas e propiedades para ver xogar aos nenos, para xogar con eles: «O que se facía antes», conta Tamara Lema. Atopan amoras nas silveiras, bailan, reciclan, sementan, contan contos, entretéñense con xogos tradicionais ao aire libre, pintan, fan cestos, cociñan e ata se internan no deseño. Crean vínculo afectivo.

No Couto levan decenios á procura de futuro. Fixeron do rural un punto de encontro, queren seguilo a facer e tamén teñen plans para os tempo vindeiros: avanzar en formación e en apoio institucional. Para este ano teñen convidados ao presidente da Xunta, ao presidente do Parlamento, ao presidente da Deputación e á vicerreitora da Universidade da Coruña.

«Este contacto que temos aquí dáche uns coñecementos que non che dá a universidade»

Aquela escoliña que no 1982 naceu co único desexo de atender aos nenos, hoxe ten na confianza, no monitorado disposto, nos veciños e nos propios pequenos a súa razón de ser. Tamén nas familias, que fan o esforzo de ir, levar e buscar, porque os pequenos chegan dende lugares tan diferentes como Ponteceso, Cabana, Laxe, Malpica, Carballo, Bélxica, Reino Unido ou Suíza (fillos de xente nada no entorno). Confían os seus nenos a esta ducia de mozos voluntarios, nenos que van dende o ano e medio ata os máis de doce. Repiten unha edición tras outra, coma Icía, que vai polos once e comezou con tres. Aprenden uns dos outros. Diso da fe Ángela Domínguez Bardanca, carballesa de 23 anos, colaboradora por cuarto ano na Escola de Verán. Cursa un ciclo superior de Animación Sociocultural e Grao en Educación Infantil: «Saquei o curso de monitor de tempo libre e a partir de aí uninme á Fundación Pondal. Gústame estar cos nenos. Aprendes un montón deles. Para o meu futuro como mestra de educación infantil, este contacto que temos aquí dáche uns coñecementos que non che dá a universidade, onde só hai dous anos de prácticas. Aprendes como tratar aos nenos, porque cada un é diferente, de diferentes idades, de diferentes lugares...». Están decididos a vivir e loitar polo rural.