Brañas, 50

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

PONTECESO

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro desa case infinita lista de cousas que o covid nos impediu facer, no persoal e no colectivo, no privado e no público, no familiar e no social, están as importantes e as menos importantes. E neste segundo grupo tamén hai varios niveis. Nun dos elevados eu colocaría a mágoa de non ter celebrado como se merecería o 50 aniversario do instituto Alfredo Brañas. É certo que a finais do mes pasado houbo un acto pequeno, emotivo, con representantes de alumnos e persoal daquel curso 1970-71, pero tal e como están as cousas, pouco máis se puido facer, con distancias e todo o requerido.

É certo que todos os institutos e colexios cumpren anos algunha vez. Que se dez, que se vinte... Nalgúns ten habido boas celebracións. Cando fora o bicentenario da Fundación Fernando Blanco, as actividades resultaran notorias. E o medio século do Alfredo Brañas ben require, cando se poida, algo así. Non foi un instituto máis, foi case un experimento social e educativo. Un multitudinario lugar de encontro comarcal de Vimianzo á Laracha, de Corme á Silva, con vellos profesores cos métodos de sempre, e outros recén aprobada a oposición que querían facer, e fixeron, cousas novas. Un mundo distinto para rapaces de lugares que non tiñan ningunha outra opción de estudar de non ter sido este lugar: era inviable marchar para unha cidade. Aínda así a moitos custoulles bastante pagar o billete de bus cada día e a comida (durante moitísimos anos houbo clases pola tarde de luns a venres, hoxe iso parece raro), pero con esforzo e sacrificio agora son brillantes profesionais en moitos eidos. Son moitos, en fin, os que moito lle deberán sempre a este centro.