José Manuel Mato, PP de Ponteceso: «Todo o programa saíu dos veciños»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana García

A carreira electoral | «Foi un mandato duro para o Concello, coa perda de recursos económicos e con constantes faltas de respecto», asegura Mato

06 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O empresario José Manuel Mato (O Couto, 52 anos), mediador de seguros, estréase como candidato á alcaldía de Ponteceso encabezando unha renovada lista do Partido Popular, logo da renuncia de José Luis Fondo e de varios cambios de portavocía ao longo deste mandato.

—Sete partidos concorrerán ás eleccións en Ponteceso. Que lle parece a cifra?

—Sendo sincero, paréceme un número excesivo. Pero hai que respectar, e felicitar, a decisión desas persoas que deron un paso adiante. Se o fixeron, é porque viron que algo lles incomoda ou non está ao gusto deles.

—O Partido Popular presenta en Ponteceso unha lista moi renovada.

—Si, porque creo que o 90 % partimos de cero. Iso tráenos inexperiencia política, claro está, pero por outra parte tamén ganas e ilusión por traballar duro e facer as cousas dunha maneira distinta.

—Que opinión lle merece o sucedido en Ponteceso neste mandato?

—Visto como veciño, foi un mandato triste e duro para o Concello. Perdéronse moitos recursos económicos (POS, alumeado, contratos...), o salón de plenos e a alcaldía convertéronse en lugares onde as faltas de respecto eran habituais, as forzas políticas víanse como inimigas en vez de como aliadas...

—Que obxectivos se marcan de cara aos vindeiros comicios?

—O primeiro para nós era facer unha lista, conseguir que o partido volvese ter unha base e unha militancia que fose independente da persoa que o liderase, neste caso eu, e dos resultados que se poidan conseguir o día 28. Queremos un proxecto duradeiro no que prime a palabra «equipo». E xa de cara ás eleccións, o obxectivo será loitar, pero sempre respectando a tódolos rivais. Eu son empresario, meterme nisto para min supón un risco, e tamén levo moitos autónomos na lista, así que non podemos permitirnos o luxo de faltarlle o respecto a ninguén nin de entrar en guerras como as destes últimos catro anos.

—Que destaca do programa que presenta para estas eleccións?

—Son arredor de 25 propostas elaboradas a base de patear as catorce parroquias e de reunirnos con tódalas asociacións, clubs e colectivos deste concello. O programa é iso, o que nos pediu a veciñanza: pistas, sendas, Casas do Maior, recuperar a Casa de Mourelle... Todo o que levamos foron peticións da xente. Neste sentido, teño que agradecer o apoio de dúas persoas que me axudaron moito neste proceso, como son o alcalde de Coristanco, Juan García, e o de Cabana, José Muíño. Eles foron os que me dixeron que os programas teñen que saír da xente, e así o estamos facendo. Tamén agradezo a disposición do presidente Rueda, que nos prometeu que tódolos conselleiros nos abrirían as súas portas e así o fixeron, cumpriron.

A lista

1. José Manuel Mato Martínez

2. María Josefa Álvarez Bugallo

3. Constantino Fernández Vila

4. José Luis Pena Romay

5. María del Pilar Rioboo Nuñel

6. José Antonio Parga Rivera

7. Beatriz Martínez Calvo

8. Javier Ordóñez Barca

9. María José Cambre Álvarez

10. Basilio Castro Antelo

11. Luis Alfredo Souto Añón

12. María Varela Fondo

13. Ana Pérez Lema

Suplentes: José Manuel Rey Rivera, Iván Rodríguez Rey, Alicia Romero Fernández, Digna María Ferreiro Bello, Manuel Suárez Varela, Antonio Torrado Torrado, Agustín Álvarez Sánchez, Isabel Herrero Trigo, María Teresa Mato García e Ángela Varela Chans.

Preferencias

  • A que hora se ergue? Ás 6.00
  • Que almorza? Un café con leite
  • Prato preferido Os percebes do Roncudo
  • Que non comería? Creo que como de todo
  • Bebida preferida Unha 1906
  • Equipo de fútbol O Ponteceso, sempre
  • Que coche ten? Un Mercedes Clase B
  • Unha afección Traballar na miña horta
  • Un lugar O Couto
  • Unha rede social? Moi pouco, pero LinkedIn e Facebook

Artes e letras

  • Escritor/a favorito/a Pondal, sen dúbida
  • Último libro que leu Los 7 hábitos de la gente altamente efectiva
  • Última película que viu El cuarto pasajero
  • Un/a artista Julio Iglesias, son clásico
  • Un actor Touriñán
  • Unha actriz Blanca Suárez
  • Un/a cantante ou grupo O Dúo Dinámico
  • Tipo de música A dos anos 80
  • Deporte que practica Pádel e saír a camiñar
  • Unha viaxe pendente Irlanda