«Retrocederemos uns corenta ou cincuenta anos no tempo»

verónica couto / m.l. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

José Manuel Casal

Hoxe celébrase en Vimianzo a terceira Muiñada e Manuel Rial é un dos seus principais impulsores

21 oct 2017 . Actualizado a las 14:17 h.

Teatro, café de pota, obradoiros, xogos populares... Un pouco de todo haberá na terceira Muiñada de Vimianzo.

-Curiosa festa a que prepararon para hoxe.

-Pois retrocederemos uns corenta ou cincuenta anos no tempo para situarnos nuns anos nos que, polo menos na nosa comarca, a maioría da xente vivía nun entorno rural. Pero tamén Vimianzo era un punto de encontro comercial, pois moita xente viña vender á praza. Entón, con esta festa, combinamos a figura do comerciante coa do labrego.

-O outono era, ademais, unha época de moito traballo.

-Si, centrámonos moito, sobre todo, nas tarefas do millo, pois esta é a época de escunchalo e gardalo no cabazo. Aparte diso, tamén recuperamos un pouco o que pasaba arredor dos muíños. As festas e reunións que se xeraban.

-Ao tratarse dun pasado tan próximo, é sinxelo para a xente conectar con esta celebración.

-Si, no verán tamén temos o Asalto ao Castelo, pero xa nos queda máis lonxe! O que si nos gustaría é que, todo aquel que se achegue, que o faga vestido da época: ou ben de labregos ou de xente da vila.

-¿Algunha novidade este ano?

-Este ano adiantamos un pouquiño o inicio, pois haberá música por diferentes bares da vila a partir do mediodía. Despois, persoas do IES Terra de Soneira farán pequenas representacións polo pobo encarnando os diferentes oficios que había daquela.

-A falta de sesión vermú, en Vimianzo terán sesión café.

-Ademais, café de pota. En toda festa, despois da comida, sempre ten que haber un café. Quen o desexe pode vir tomalo a partir das catro e acompañalo dunhas chulas. Nese momento tamén abrirán diferentes actividades e mercados que estarán toda a tarde.