David Roget Blanco, entre petróglifos e lobos por Vimianzo

F. RODRÍGUEZ / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

A. LAVANDEIRA

GENTES DEL FINIS TERRAE| Aínda non tiña 18 anos cando achou o maior conxunto de arte rupestre de Soneira

15 sep 2020 . Actualizado a las 23:48 h.

Aos seus 18 anos, feitos o 27 de xullo, o vimiancés David Roget Blanco empezará a estudar Enxeñaría Aeroespacial en Ourense. As súas cualificacións merecen capítulo á parte, pero sobre todo foi nova a súa afección pola arte rupestre. O 30 de agosto Vimianzo amencía sabendo que este veciño descubrira nada menos que dez estacións de petróglifos no seu municipio, o maior conxunto de Soneira. Roget non ten outro desexo que o de darlle voz ao patrimonio vimiancés e que, se se pode, para o ano esas rutas que xa hai polo concello inclúan tamén estes achados, ata o de agora ocultos.

-Era afeccionado ao deporte e unha lesión levouno á bici. Como non lle gustaba o asfalto botouse ao monte, e aí comezaron descubrimentos. Esa afección pola arte rupestre xurdiu así ou xa estaba?

-Foi algo así, si. Xoguei ao fútbol anos e tamén me iniciara no tenis de mesa. Tiven unha lesión e recomendáronme o ciclismo, polo que deixei esas dúas disciplinas. Comecei a ir ao monte, a unha zona que xa coñecía algo, sobre todo camiños cara a San Fins, onde logo descubriría petróglifos, porque de aí era miña bisavoa. Primeiro intereseime pola zooloxía, especialmente polos lobos: Vimianzo ten sona. Tiña que analizar os mapas para saber que zonas podían ser as máis propicias. Vendo a cartografía deime conta, case un ano máis tarde -porque empezara con 16-, de que pasaba por mámoas catalogadas. Pensei que podía compatibilizar o facerlle visitas a estas mámoas e seguir coa zooloxía. Unha cousa tira da outra e así cheguei aos petróglifos, tratando de responder unha pregunta que se me veu á cabeza: por que Vimianzo, sendo un concello coa maior cantidade de mámoas, tendo máis dunha ducia de castros e pasando unha historia medieval tan destacada, co castelo, só ten practicamente dúas mostras desta arte rupestre, de petróglifos? En Boallo, no Pedrouzo e igual algunha illada máis. De aí veu a miña motivación: pensei que con todo o que percorría o monte igual podía atopar algo e proporcionarlle a Vimianzo unha axuda para levantar este patrimonio que temos.

-Iso pensouno con 16 anos.

-Si, máis ben 17, houbo aí ese ano de transición coa zooloxía.

-E así chegaron esas descubertas. Dez estacións de petróglifos!

-Foi un traballo longo, que me levou tempo, porque antes de ir ao monte a buscar ao bruto fixen un pasos previos. Fun a Campo Lameiro, merquei libros... Vaste facendo ideas, miras mapas de localización doutros petróglifos... Coa cartografía de Vimianzo empecei a ir por zonas: tipos de relevo, rochas... Fun a sitios de máis lonxe e ao final estaban mesmo ao lado da casa algúns deles [ri].

-E como é ese proceso? Doados de atopar non son, e tecnoloxía moderna tampouco hai moita.

-Non, o único que tiña eu que non tiña aquí Roberto Mouzo no seu día é Internet, con todos os mapas da Xunta, e podendo mirar por anos, vendo como evolucionan as zonas do monte. Tendo varios puntos de interese o que fixen foi exploralos. Dunha vez que andas tanto polo monte a vista xa che vai indo a certos puntos. É algo difícil de explicar.

-Un sexto sentido.

-Algo así. Cando chegas a un e ves coviñas ou cazoletas, que acostuman a ser o máis visible porque é o que máis marcado está, dis ti: «Guau! Non pode ser!». Dáche un subidón despois de atravesar toxeiras, porque non hai camiños a eles. É complicado: o que se precisa é tempo e irse afacendo a andar polo monte e a ver pedras.

-Cal lle impresionou máis?

-Non sabería dicir. Hai varias estacións que van dende a zona de preto do castelo ata San Fins. Arredor do castelo está unha área de monte completamente gravada de norte a sur. Hai varias estacións, e unha delas é a máis importante, cunha base de oito metros. É espectacular, gústame pola grandiosidade da propia rocha. Hai uns días que veu o colectivo A Rula e tamén destacou a súa importancia, cuns motivos unidos que lle dan plasticidade.

-E agora estudará Enxeñaría Aeroespacial, algo que parece que pouco ten que ver con isto.

-A xente adoita dicirmo [ri], que a arte rupestre está no chan de todo e a enxeñería aeroespacial máis alá da Terra. Nada que ver, pero a min gústanme moitas cousas. Teño unha afección por intentar saber un pouco de todo. O tema do espazo gustoume dende pequeniño, e o da arte rupestre vén un pouco porque, como lle quero tanto a Vimianzo, e como xa ten tanto patrimonio, quería contribuír un pouco, para que os veciños vexan cal foi o seu pasado, o valor que ten este concello. Facíame ilusión.

-Podemos falar, ademais, dun documental zoolóxico con respecto ao lobo? Dicimos ben?

-Si, pero en realidade non é para tanto. Cando me iniciei no tema dos lobos cheguei ao que lle chaman fototrampeo. Localicei unha manada que acababa de chegar a Vimianzo e fun facendo un seguimento das camadas, das áreas de influencia... Teño fotografías, vídeos e anotacións de tres anos, do 2017 ao 2020.

-Con tal nivel de actividade, como levou o confinamento?

-Foi unha das partes máis duras... Aínda que traballo tiña abondo: as tarefas da casa, prepararme para as ABAU, estudar a distancia... En canto se puido saír collín a bicicleta e foi cando localicei os últimos restos de arte rupestre. Se te organizas ben e es metódico ao final o día dá para moitas cousas.