Ricardo Vigueret: «Levan o peso de 'O parvo' grandes veteranos da compañía»
VIMIANZO

A compañía baiesa é e a convidada desta tarde na programación cultural de Vimianzo: 20.30 horas
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • 20.30 horas • Entradas en woutick.es, ou ben dende 60 minutos antes • Superado o parón por Semana Santa, volve hoxe á Casa da Cultura de Vimianzo a programación cultural. Esta vez, os convidado chegan de preto, e non son outros que os integrantes do grupo de teatro afeccionado Badius, de Baio, cos que se poderá gozar da obra O parvo. Falou en Radio Voz Ricardo Vigueret, presidente e cofundador da compañía:
—Non é unha obra calquera, é a do 40.º aniversario de Badius.
—Si, decidimos que era unha boa comedia para celebrar estes 40 anos e lanzámonos.
—Cando falamos de Badius falamos sempre de humor. Parece que todo comeza neste espectáculo cun convite a cear.
—Exacto, como pasa moitas veces nesas ceas que fas e non sabes como acabará porque se lía a cousa. Aquí é algo parecido, só que a invitación xa vai con segundas. Hai que ver a obra para ver a lea.
—Cantos subirán ás táboas?
—Son oito actores, é o elenco de Badius nestes anos que se mantén máis ou menos fixo.
—A quen lle toca ser o parvo?
—[Ri]. O papel tócalle a Pablo Soto, Pibe, que xa leva moitos anos connosco. Dálle a réplica Marco Álvarez, tamén outro dos fundadores. Son por tanto veteranos da compañía os que levan o peso da obra. Todo ten un bo fin, que é facer rir á xente, así que dicimos que nos gusta facer o parvo.
—Teñen actuado mesmo en cabanotes e agora suben a un escenario da talla do de Vimianzo. Ten que ser bonita sensación.
—Si, si, é un dos grandes escenarios da Costa da Morte e eu diría que incluso da provincia, está á altura de calquera teatro profesional. Vimianzo fixo nisto un grande investimento, no seu momento criticado, pero aí están agora os resultados. Que pasen por aí grandes compañías que se non non se poderían ver por estes lares é algo ben bonito, e cunha programación continua que poucos concellos se poden permitir. Nese sentido, encantados de actuar aí no medio de tanta compañía profesional.
—A quen convidamos a ir?
—O parvo é unha comedia para todos os públicos. Badius mantén sempre esa liña. Convidamos por tanto a todo o mundo, tamén é apta para nenos, predomina o humor diría que intelixente. Dura hora e media, así que os futboleiros saen a tempo para o partido.
—Como vai o libro dos 40 anos?
—Está pendente de impresión. Patrocínao o Concello de Zas, está na imprenta da Deputación e agardamos que agora antes do verán saia á luz. Será un acto máis para conmemorar o 40.º aniversario do grupo, a parte de actuacións pendentes, xuntanzas...