As Cabreiras

Fidel R. M.

VIMIANZO

16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mámoas, petróglifos, castros, castelos, pontes, pazos, cruceiros, igrexas, valados, muíños, eiras e cabazos. Poderían estes, e máis, constituír a Santa Compaña dos inmortaes de pedra nunha extensión de Alba de Groria de Castelao. Na Galicia, os lugares son máis ca aldeas. Parte de canto neles sucedeu, cálano as pedras e o chan. A maioría, disolveuse nos ventos para nunca volver; e nas almas dos que se deixaron de erguer.

O que agora chamamos patrimonio non só o forman os inmorrentes de pedra. Creamos unha historia turística de monumentos, escasa en textos. Un territorio alterado con cada vez menos apelidos e nomes. Para a xente nova, todo o monte é un, todas as leiras son iguais. Pérdese o saber natural do ser humano de entender o territorio no que vive, as peculiaridades ambientais, as características físicas. Cambiamos a microtoponimia orixinal para rúas, prazas e instalacións por nomes de flores, ríos e xente ilustre, ou non, que nada teñen que ver coa zona. E aínda tendo que ver, hai moitas formas de darlles voz sen quitárllela ao pasado.

En Vimianzo búscase un novo nome para o campo de fútbol municipal. O actual venlle do terreo do monte no que se asenta, As Cabreiras. Penso que a microtoponimia debe ser considerada un elemento patrimonial con igual grao de protección, difusión e interese que os inmortais de pedra. É compatible darlle voz aos nosos grandes atletas ou ser enxeñosos cos nomes, con manter e valorizar o patrimonio toponímico. O campo de fútbol As Cabreiras debería conservar ese nome. Poño por caso, cantos dos novos saben que o centro da vila, terreos arredor do concello, se chamaba a Agra do Cárcere?