A iniciativa expositiva do Concello de Zas quedou inaugurada onte no colexio baiés que leva precisamente o nome desde ilustre autor e xornalista
06 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Díxose e fíxose. Cando a mostra promovida polo Concello de Zas en torno ao ilustre baiés Enrique Labarta Pose se inaugurou no paseo fluvial comentárase a idea de que a exposición xirase por colexios de zona. Xustamente onte deu comezo ese itinerario, sendo a primeira parada o colexio de Baio, que ademais leva o nome do escritor e xornalista, Labarta Pose. Ata o centro achegouse o alcalde, Manuel Muíño, así como a concelleira de Educación, Pilar García. Ambos tomaron parte na inauguración e agradeceron a colaboración do equipo directivo. Encabézao Sinda Cundíns, asemade presente nesta posta de longo da mostra. Todos os alumnos, segundo o nivel que corresponda, traballarán en torno a ela.
Está composta por seis paneis con fotografías históricas e textos explicativos da vida, figura e obra do autor, a quen dende logo moitos veciños terán coñecido grazas a este traballo de documentación. Continúan, iso si, as descubertas: vense de saber que Labarta puido ter sido membro da Real Academia Galega.
Nos vindeiros meses
Doutro lado, tal e como avanzou o consistorio, cando esta exposición remate a súa estancia no colexio de Baio, onde estará quince días, detalla Cundíns, seguirá viaxando polos centros educativos do concello. Irá primeiro ao instituto Maximino Romero de Lema e, despois, ao CPI de Zas. A continuación, pasadas xa as datas de Nadal, chegará a colexios doutros puntos que xa o solicitaron, caso dun de Pontevedra. A iniciativa de levar esta mostra ás aulas é outra das actividades que o Concello de Zas está acometendo co fin de divulgar a vida e obra «dun dos persoeiros máis ilustres do noso municipio», un fin no que tamén se inclúe o traballo xunto coa comisión que reivindica a concesión dun día das Letras Galegas para Labarta.