Manuel Muíño: «O desenvolvemento de solo industrial en Lamas é estratéxico para o Concello»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Manuel Muíño, alcalde de Zas
Manuel Muíño, alcalde de Zas ANA GARCIA

TRES ANOS DE MANDATO | Tras prorrogalos durante a pandemia, esta semana aprobarán novos presupostos. Fala o alcalde de Zas

31 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Próximo a concluír está o cuarto mandato de Manuel Muíño Espasandín (1962) á fronte da alcaldía de Zas. Leva máis de 20 anos representando ás siglas do BNG e é concelleiro dende o 1995. Aínda que asegura que é cedo para falar duns novos comicios, non ve nada que o «disuada» de volver postularse como candidato.

—Á hora de facer balance deste mandato, inevitablemente hai que falar do impacto do coronavirus. Segue afectando?

—Non é da aparatosidade inicial e pouco a pouco imos recuperando a normalidade, pero segue tendo impacto. Aínda que agora o que máis estamos notando é a guerra en Ucraína. Vénnos enriba un problema grave: pasamos dunha pandemia a unha enorme inflación e unha crise de suministros que nos afecta á hora, por exemplo, de executar obras.

—Están tendo moitos problemas nese sentido?

—Estamos sacando a contratación proxectos presupostados a finais do ano pasado, e os prezos evidentemente non son os mesmos. Hai licitacións ás que só se nos presentan unha ou dúas empresas, sen garantía de que cando teñan que executar a obra lles sexa viable. Noutros concellos os procedementos quedan desertos e hai que modificar os prezos... En Zas levamos dous meses agardando por un simple tobogán para un parque infantil, as empresas fanche un presuposto hoxe e só o poden manter unha semana... Diría que esta guerra está tendo máis impacto que o covid-19.

—Que hai dos orzamentos?

—Pois este mércores levaremos a pleno os de 2022, que subirán bastante respecto aos últimos e rondarán os cinco millóns de euros. Empezamos a facelos arredor do mes de marzo, pero aínda así sabemos que é probable que teñamos problemas á hora de executar algunha partida, polo que falaba da suba de prezos.

—Levaban dende o 2019 coas contas prorrogadas.

—Coa chegada da pandemia e a relaxación das medidas fiscais éranos máis doado traballar cuns orzamentos que xa tiñamos. Agora, que non estamos sometidos a ese corsé e temos fondos propios suficientes, podemos permitirnos esa suba nos presupostos.

—Están a apostar pola potenciación da feira de Baio, agora xa ubicada na nova praza.

—Si, tanto a praza como o tanatorio eran dous proxectos importantísimos para este equipo de goberno e xa están listos. A praza era fundamental para poder potenciar a feira, que parece que vai recuperando o seu esplendor e volve ser unha das máis importantes da bisbarra.

—Teñen máis plans para esa zona?

—Puidemos urbanizar ata onde legalmente nos era posible, pero queremos facer unha pequena zona verde onde agora hai un edificio inacabado, xunto á praza. Sería mediante un convenio cos propietarios e co obxectivo de facer unha zona de esparcemento e de embelecer o espazo.

—Teñen algún proxecto estratéxico no que traballar a medio ou longo prazo?

—Si, queremos desenvolver o polígono industrial de Lamas, que está contemplado no plan de urbanismo. É unha iniciativa grande e ambiciosa, pero cremos que ten cabida e que será estratéxica para asegurar o futuro económico do noso concello. Xa contactamos co Instituto Galego de Vivenda e Solo para ir perfilando o proxecto e a idea é facelo con fondos propios, por fases, xa que temos unha boa situación económica. Pese a estar en desigualdade de condicións respecto a outros polígonos, xa que este sería municipal e non estaría respaldado por outras Administracións, as parcelas venderíanse a prezos competitivos, ao que habería que sumar o atractivo que supón a proximidade coa autovía.

ANA GARCÍA

—Fala a longo prazo. Non ve, entón, signos de esgotamento no seu proxecto político?

—Non, de feito tanto a min como ao meu equipo nos fai especial ilusión este novo proxecto industrial. Considerámolo estratéxico para o noso concello.

—Presentarase de novo ás eleccións o ano que vén?

—É cedo, aínda falta un ano e poden pasar moitas cousas. Non hai máis que ver como foi este mandato, cunha pandemia e unha guerra polo medio. Pero, a priori, non vexo nada que me disuada de volver presentarme.

—Xa non falta nada para a Festa da Carballeira.

—Para calquera das dúas, tanto a de Zas como a de Baio, que será agora en xuño. Para esta última, que é municipal, estamos tramitando a súa inclusión no catálogo de Formacións Senlleiras. O proxecto xa está elaborado e remitido á Xunta, que é a que ten que tomar a decisión.

—Algún proxecto que teña que facerse si ou si nestes últimos meses que restan de mandato?

—Vista a incertidume actual, creo que me daría cun canto nos dentes con poder executar os orzamentos que levaremos esta semana a pleno. Apostamos polo mantemento de estradas e camiños agrarios, levamos partidas para contribuír no arranxo dos centros de saúde de Zas e Baio... E aínda faltaría por incluír un novo plan único que nos veu aprobado da Deputación, que sería outro medio millón de euros máis ou menos.

Otro mandato marcado por el bipartidismo

A las elecciones del 2019 se presentaron el BNG, el PP y Alternativa Nova, un partido independiente que no logró sacar ni un solo edil, con lo que la corporación se quedó con el bipartidismo que ya tenía desde 2015: ocho para los nacionalistas y tres para los populares. En estas tres cuartas partes de mandato que van fuera no se han producido grandes cambios, a excepción de una modificación en las dedicaciones exclusivas. Óscar Lema tenía una completa, pero desde el año pasado la comparte con el edil José Manuel Brenlla.