Zas achega á RAG o traballo en torno a Enrique Labarta Pose

La Voz CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Alcalde e técnica de Turismo veñen de manter un encontro con Víctor Freixanes

20 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega está xa ao tanto das próximas actividades que, en torno a Enrique Labarta Pose, se levarán a cabo en vindeiras datas no Concello de Zas. Máis concretamente, en outono. O alcalde, Manuel Muíño, acompañado pola técnica de Turismo, Tania Carreira, mantivo este luns un encontro co presidente da mencionada institución, Víctor Freixanes. Tivo el a oportunidade de coñecer de primeira man as diversas iniciativas levadas a cabo nos últimos anos, en colaboración co Comisión Labarta Pose polas Letras Galegas, coas cales se vén traballando nesa reivindicación dun 17 de maio para o ilustre veciño baiés.

CONCELLO DE ZAS

O presidente da Real Academia Galega recibiu de Muíño e Carreira varios exemplares do folleto informativo editado coa vida e obra deste escritor referencial, e no cal se inclúe, tamén, toda a información sobre o roteiro literario de Labarta incluído no Proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega. Freixanes, segundo deu traslado o Concello de Zas no seu comunicado, comprometeuse a repartir estes documentos entre os asistentes ao próximo pleno que celebre a institución.

O alcalde zasense achegoulle, doutro lado, un exemplar do libro Zas polo miúdo, enciclopedia do municipio, e un marcapáxinas de liño, artesanía local e tamén identidade.