O idioma da ciencia

Francisco Ant.Vidal LINGUA PROLETARIA

CIENCIA

BERNARDO CODESIDO

«Sempre se falou do meloso que é o galego para a expresión literaria e do pouco que se presta para facer descricións tecnolóxicas»

16 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Preguntabámonos se hai idiomas máis dados ca outros para expresar as ciencias ou as letras, se a dozura deste é boa para a poesía e a aspereza doutro só serve para as matemáticas. Xulio opina que ningún idioma ten esas carencias e todos valen para todo, pero son os usuarios quen limitan a uns ou outros a determinados temas.

Sempre se falou do meloso que é o galego para a expresión literaria e do pouco que se presta para facer descricións tecnolóxicas, o que me fai lembrar como aló polos primeiros anos da década dos oitenta do pasado século, para escribir unha sección titulada Ciencia, técnica e trebellos, presentábaseme o problema de usar un vocabulario galego cuns temas que só se divulgaban en inglés e algo en castelán. Naqueles artigos pretendía dar a coñecer o funcionamento e a tecnoloxía das cociñas de indución, dos micro-ondas, os vídeos, as cámaras dixitais, as pantallas planas e tantos outros elementos que daquela aínda estaban no laboratorio, e agora, ó relelos, podo comprender a grande dificultade a que me enfrontaba, cando os mesmos dicionarios que usábamos non contemplaban palabras tan simples como cinta illante ou interruptor. Non era problema do idioma, senón da falta de uso.

 Pouco a pouco todo se remedia. Na prensa de principios do século XX abundaban os sportman que hoxe son, para que todos nos entendamos, deportistas.

 Se a divulgación da ciencia foi sempre un problema no noso entorno, en galego multiplícase por mor desa falta dun vocabulario, tantas veces adulterado con palabras foráneas. A Real Academia Galega (RAG) publicou hai uns meses unha relación das constelacións en colaboración coa agrupación astronómica Io. É un paso importante, pero aínda non está completo por carecer de moita da terminoloxía popular dalgunhas delas.

A Universidade de Compostela xunto coa RAG, tratando de poñer remedio a esta carencia secular, está realizando unha serie de vídeos protagonizados por profesionais de distintas materias, baixo o epígrafe Novas voces para a lingua, e nun deles, a psiquiatra Iria Veiga fala co xenetista Carracedo confesándolle que se entende mellor cos doentes cando lle falan en galego. E é que ás veces, sobre todo ós médicos, non se decatan de que deberían ser eles quen soubesen de que se queixa un paciente cando di que lle doen os cadrís, que ten un trancazo ou que escordou un pé, e pola contra ha de ser o paciente quen debe entender de que lle falan cando lle din que ten unha atresia ou unha luxación.

As ciencias en xeral sempre tiveron un marcado déficit comunicativo en galego e seguen téndoo, porque a pesar de tantos profesionais que se esforzan por comunicar no noso idioma, estes son como unha illa rodeada de quenllas.

Certo que xa non estamos naqueles anos oitenta en que a tradución dunha palabra sempre nos deixaba dúbidas sobre a súa exactitude, agora xa hai libros de texto e incluso unha revista, de edición aperiódica e en círculos moi restrinxidos, pero xa podemos comprobar que o galego tampouco é un idioma mutilado, para uso exclusivo de literatos e vellos dedicados ó sector primario. A pesar de que se te metes no medio dun grupo de mozos, sinálante co dedo se dis correo electrónico na vez de “imeil” (escrito eMail) ou lixo na vez “espán” (escrito spam).