«En toponimia non podes dar algo por definitivo, non é unha ciencia»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CIENCIA

BASILIO BELLO

05 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son algo máis de sesenta os vídeos que se teñen feito dentro deste proxecto O Seminario de Onomástica responde, con divulgadores diversos que van desde Vicente Feijoo a Ana Boullón, Antón Santamarina, Fernando Cabeza Quiles, Ramón Lorenzo e outros. Na Costa da Morte, Brandomil vén a sumarse a Malpica, Muxía, Mens, Vila da Igrexa e Cerceda, Zas, Moraime, Cereixo, Vimianzo, O Allo, A Cebola, Laxe e Cabana de Bergantiños. Xosé María Lema é a persoa que divulga Brandomil, Zas, Moraime, Cereixo, Vimianzo, O Allo, A Cebola, Laxe e Cabana. Non hai de momento novas gravacións á vista pola súa banda —depende de que vaia habendo recursos e ademais cómpre atender toda Galicia—, mais avanza que, de haber posibilidade, seguirá escollendo topónimos da comarca de Soneira. Incide no bo compango que supoñen as imaxes in situ para xerar interese: «Todo o que sexa profundizar na toponimia está ben, e se por riba se ambienta cun bonito escenario...», sopesa. Deixa ben ás claras Lema Suárez que a toponimia «non é unha ciencia», que non hai verdades absolutas, senón posibles orixes, nunca absolutas, nas que escudriñar: «En toponimia nunca podes dar algo por definitivo». Para mostra, o propio topónimo de Zas, o que se foi crendo e comprobando ao longo do tempo grazas á aparición tamén de documentos.

Libro para o próximo ano

A comarca de Soneira está ben peneirada por Xosé María en materia toponímica. Para o vindeiro 2026 publicará, por certo, un libro centrado na toponimia zasense, en colaboración co Concello.