CONTENIDO PATROCINADO

A Consellería de Desenvolvemento sostible realizará neste proxecto, un investimento de 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos «next Generatión»

Pontevedra contará cun Parque da Camelia no que se exhibirán algunhas das variedades desta flor máis singulares e prezadas no mundo. O proxecto, desenvolto pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, posibilitará crear o Parque da Camelia, que se convertirá nun espazo simbólico da cidade, nunha das máis importantes bolsas de solo verde da zona Leste da cidade -a parcela UA 23-, situada entre as rúas Ernesto Caballero e José Malvar, nas inmediacións da pasarela do tren.

A proposta formúlase dentro dun ambicioso plan de desenvolvemento urbanístico iniciado cun proceso de expropiación das propiedades incluídas nesta unidade de actuación (ao igual que aconteceu coas parcelas da traseira do Pavillón dos Deportes), prevista polo PXOU como zona verde, contemplando a urbanización e mellora paisaxística de todo o contorno, a creación dun novo parque infantil e a instalación de mobiliario e iluminación.

O conxunto de parcelas que conforman esta enorme zona verde suman máis de 11.000 metros cadrados. Isto é, case dúas veces o terreo de xogo do campo de fútbol de Pasarón, polo que esta intervención traducirase no desenvolvemento urbanístico dunha zona da cidade que se atopa agora mesmo incompleta.

«Pontevedra é a cidade da camelia -sinala o concelleiro Iván Puentes-, pero carecemos dun lugar representativo cunha colección de variedades de camelias orixinais e singulares». De aí a idoneidade de crear un parque dedicado a esta árbore, que se converta nun espazo simbólico e representativo para a cidade, incorporando variedades valoradas polas súas flores, olor, características e porte.

O departamento municipal considera que a zona verde situada na traseira de Ernesto Caballero é a máis indicada para ubicalo, xa que ten unhas condicións de sombra apropiadas para a camelia e un chan bastante fértil.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Naturaliniciou o desenvolvemento urbanístico por unha das vías que a lexislación establece, ao igual que a da compensación, que é a vía dunha expropiación que solicitaron os propios veciños.

Os obxectivos do proxecto pasan por mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha mellor composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación dos seus valores estéticos, a creación dun parque dedicado á camelia, a instalación dun parque infantil que complete a oferta deste tipo de equipamentos no barrio e a xeración de ámbitos de socialización comunitaria, encontro e realización de actividades lúdicas mediante a dotación de áreas de estancia dentro do parque.

Un parque inspirado nun catálogo publicado en 1882

O futuro Parque da Camelia inspírarase nun Catálogo de Árbores, Arbustos, Plantas, Bulbos e Sementes publicado en 1882 pola Escola Práctica de Agricultura de Pontevedra, unha institución de vida efémera que estaba situada na Caeira, que dependía da Deputación Provincial, e cuxa principal actividade estaba dirixida ao deseño de xardíns e explotacións agrícolas e que impulsou a entrada e o desenvolvemento do cultivo da camelia na provincia de Pontevedra e no conxunto de Galicia.

Segundo explica a concellería de de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, as actuacións contempladas neste proxecto suporán un investimento que rondará os 1,5 millóns de euros.

CATÁLOGO PUBLICADO EN 1882 POLA ESCOLA PRÁCTICA DE AGRICULTURA DE PONTEVEDRA

CATÁLOGO PUBLICADO EN 1882 POLA ESCOLA PRÁCTICA DE AGRICULTURA DE PONTEVEDRA

No trazado da Vía Verde

Para este investimento, a concellería conta cun importante financiamento a través da canle dos fondos Next Generation xa que a futura vía verde que conectará Pontevedra e O Salnés, recollido no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra, foi subvencionada cunha achega de 900.000 euros e este espazo verde que transita por Ernesto Caballero inclúese no seu trazado.

Deste xeito e grazas a esa inclusión, explican desde o departamento de Desenvolvemento Sostible e Medio Natual, unha parte dos cartos que se destinará á futura vía verde reverterá na transformación deste contorno e na creación deste novo parque na cidade.

En datos

  1.  A inversión prevista nesta actuación é de 1,5 millóns de euros.
  2. O Parque da Camelia terá unha superficie de 11.000 metros cadrados, case dúas veces o terreo de xogo do campo de fútbol de Pasarón.
  3. A parcela UA-23, na parte traseira da rúa Ernesto Caballero foi escollida por contar cunhas condicións de sombra apropiadas para a camelia e cun chan fértil.