Mateo Seoane, de Bodega 83: «O Solete vai facer que a xente se fixe máis en nós, e que se achegue»
A CORUÑA
Abriu o local en Betanzos hai tres anos, como complemento a súa distribuidora de viño
02 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mateo Seoane acaba de lograr, con só tres anos de andadura, que a súa viñoteca Bodega 83 sexa recoñecida cun Solete da Guía Repsol. É un coidado local na rúa do Castro con 11 mesas e capacidade para entre 30 e 40 persoas, que abre só polas noites de mércores a sábado. «Temos horarios especiais porque o compaxino co resto de actividades», explica.
—O voso local era o Treze.
—Cambiamos de nome este ano. Somos exactamente os mesmos, pero tivemos que cambiarllo porque tíñao rexistrado outro restaurante de Madrid.
—Como xurdiu a proposta?
—Teño unha distribuidora de viño dende o ano 83 e en 2022 decidimos abrir un pouco para promover os nosos viños e porque vimos que había esa necesidade en Betanzos.
—Que tal vos acolleu a xente?
—A verdade é que dende que abrimos a aceptación foi moi boa por parte da xente de Betanzos e toda a contorna.
—Só distribúen ou teñen adega?
—Non temos adega como tal. Elaboramos viños en varias zonas, en adegas de terceiros, pero queríamos ter un espazo para amosar o que temos en Bodeus.
—Entón entende o negocio coma un complemento?
—E tamén porque vimos a necesidade de que en Betanzos houbera un local deste estilo, tamén para promover un pouco todos os viños que levamos en distribución e, ademais, ter un punto onde a xente poida degustalos.
—O Solete non só é pola bodega, quen está ao fronte da cociña?
—Está Rosana Jofre. Repsol mandou uns inspectores sen que nós o soubésemos e tivemos o recoñecemento na categoría de bodega. Chamáronnos para dicirnos o do Solete e colleunos totalmente por sorpresa, non contabamos con iso.
—Que tipo de restaurante é?
—Temos unha selección moi ampla de viños, 200 referencias, e despois, na parte de comida, temos unha carta que está pensada para acompañar unha botella de viño, picoteo, principalmente. Buscamos produto de moita calidade e cunha elaboración sinxela, máis tradicional.
—Cal é o prato estrela?
—As alcachofas, coas que gañamos o ano pasado no Certame do Pincho en Betanzos, e tamén a parpatana de atún vermello.
—E en canto a viño, triunfa o de Betanzos?
—Aínda está nunha fase moi embrionaria, a xente demándanos sobre todo brancos galegos, tintos nacionais. De momento, a verdade é que cada vez está elaborando mellores viños de Betanzos, hai proxectos máis serios, e pouco a pouco hai máis posibilidades para ofertar ao cliente.
—Cre que lles vai cambiar moito o Solete?
—Toda esta publicidade vénnos ben de cara a destacar un pouquiño máis, a chamar máis atención, que se fixen máis en nós, e que a xente que lle gusta o mundo do viño decida achegarse a coñecernos.