Os Concertos da Eclipse, música da terra para celebrar unha xornada histórica

Antón S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Luar na Lubre actuará o día da eclipse na praia da Frouxeira, en Valdoviño.
Luar na Lubre actuará o día da eclipse na praia da Frouxeira, en Valdoviño. Eduardo Pérez

A Deputación da Coruña organiza catro actuacións en lugares únicos da provincia

10 ago 2026 . Actualizado a las 22:46 h.

Unha provincia unida polo ceo e pola música. Este mércores milleiros de persoas na Coruña vivirán un acontecemento extraordinario, unha luz diúrna interrompida durante un longo minuto. Tocará mirar ao ceo, apartar os móbiles para ser testemuñas directas dunha eclipse total que volverá repetirse no Noroeste español dentro de 150 anos, o que o fai único para todas as xeracións actuais, maiores e pequenos.

O fenómeno astronómico celebrarase tamén coa nosa música máis senlleira, os acordes que nos trasladan ao fogar cando estamos lonxe, voces e sons que conforman un cordón umbilical coa nosa orixe, con eses devanceiros que, ao igual que faremos este mércores, pasaban a vida mirando ao ceo para coñecer o que estaba por vir para as súas colleitas, os seu barcos, a súa vida.

Así, da man da Deputación da Coruña, a provincia celebrará, unha hora despois de probar as gafas de protección, os chamados Concertos da Eclipse, catro actuacións con acceso gratuíto en catro lugares icónicos da nosa provincia. Luar na Lubre, que segue a celebrar o seu 40 aniversario, montará o seu escenario xunto as olas atlánticas da praia da Frouxeira, no municipio de Valdoviño; Milladoiro, outra das bandas case mitolóxicas do noso folclore, interpretará os seus clásicos na alameda de Esteiro, en Muros; Susana Seivane estremecerá coa súa gaita ao público que se achegue a Fisterra. Por último, as voces de Treixadura son as únicas que soarán lonxe do litoral, pero nun escenario tamén feiticeiro, como é o lago de As Pontes.

Todos os concertos comezarán ao unísono, ás nove e media da noite, unha hora despois de quedarmos extasiado coa eclipse.

Así o resume o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso: «Queremos que a xente goce desta xornada extraordinaria en espazos únicos da nosa provincia acompañados pola música dalgúns dos artistas e formacións máis representativos da cultura galega».

Susana Seivane actuará no paseo da Calafiguira, en Fisterra.
Susana Seivane actuará no paseo da Calafiguira, en Fisterra.

Fisterra, ao son de Susana Seivane

Ademáis da eclipse, este mes de agosto tamén é especial para Susana Seivane, xa que en poucos días soprará as 50 velas. A popular gaiteira de Cambre compartirá a maxia do día 12 co público que se achegue a Fisterra. O escenario estará no paseo da Calafigueira, xunto á lonxa da localidade. Seivane proporá, coma sempre, un rato divertido e de baile para o público, con temas alegres e animosos, transmitindo sempre a súa alma de buxo.

Milladoiro animará os primeiros minutos posteclipse na alameda de Esteiro, en Muros.
Milladoiro animará os primeiros minutos posteclipse na alameda de Esteiro, en Muros. atr

Esteiro vibrará con Milladoiro

Unha das principais referencias do folk galego, Milladoiro, naceu practicamente ao tempo que a democracia en España. Este mércores estarán ao carón do Atlántico, como o título do seu últimos disco, na alameda de Esteiro, no municipio de Muros, un espazo cheo de árbores xunto á estrada que percorre o litoral. Será a seguinte parada desta agrupación que escribiu moitas páxinas da historia da música en Galicia.

Treixadura estará nas Pontes este mércores ás 21.30 horas.
Treixadura estará nas Pontes este mércores ás 21.30 horas.

Treixadura, no lago de As Pontes

Entre os concertos de Vilanova de Arousa (o pasado sábado) e o de Caldas de Reis (o día 14), as voces de Treixadura suman pasado mañá unha nova cita co público, esta vez na localidade de As Pontes. O escenario estará nun lugar telúrico como é o lago e a súa contorna. Desde alí é posible que lle canten ás marmuradoras, ou que lembren que unha noite non é nada. Por sorte, a eclipse non dura unha semaniña enteira (menuda muiñada).