A fotografía que queremos na Coruña

Xulio Ferreiro ALCALDE DA CORUÑA

ARTEIXO

14 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como alcalde, aplaudo que a Xunta e o Estado se sumen ao consenso cidadán en torno á nosa fachada atlántica: querémola libre de especulación. A foto de Feijoo, tras unha reunión con Puertos del Estado da que foron excluídos o Concello e a Autoridade Portuaria, redunda na deslealdade institucional, pero non deixa de ser positiva. Benvido, presidente, ao sentido común. Estaban a piques de malvender os terreos e agora anuncian que a Solana, Calvo Sotelo e Batería quedan fóra da poxa. Sería unha magnífica noticia se non fose porque non asegura que a Solana siga a ser un equipamento aberto no futuro e porque o plan implica especular con San Diego no 2020 para pagar a débeda do porto exterior, resultado dunha nefasta xestión. Non o imos permitir. O día 24 reunirémonos, como acordamos, cos presidentes da Autoridade Portuaria e Puertos del Estado. Faremos o prometido: explicarlles de novo que este camiño temos que andalo xuntos, constituíndo un consorcio que garanta que a nosa fronte litoral sexa pública, ao servizo da cidade, e constituíndose como motor de innovación e creación de emprego, mentres se procuran solucións alternativas á débeda do Porto e se dota de tren a punta Langosteira. Esa é a fotografía que queremos na Coruña.