As rúas demediadas

Ignacio Ferreiro TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA CIUDAD

17 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Convírtense ás veces as rúas e avenidas nun escenario no que poden representarse tanto a confrontación política entre Administracións que entenden de distinto xeito a súa mellora ou humanización como as iniciativas dun goberno municipal que quere diferenciar ideoloxicamente a súa actuación da os anteriores, fomentando novos modos de mobilidade. Poden ser tamén o escaparate no que con pequenas obras sinxelas e rápidas pretenda este amosar a súa atención pola cidade, como é habitual corporación tras corporación.

Semella que non houbera outras cuestións pendentes, mais detrás do que se nos amosa no escaparate van quedando esquecidas, agora e antes, outras situacións, como as rúas incompletas ou inacabadas espalladas pola cidade, que aparentemente non se atopan sequera na axenda dos responsables.

Vías que teñen executada só parte do seu ancho, coma a rúa Puerto Rico, nos Mallos, Almirante Mourelle, no Agra do Orzán; a rúa Carballo, subindo ao Castrillón, a rúa Monte das Moas ou a avenida Casanova de Eirís; outras que agardan a execución do seu trazado definitivo, como o Camiño de Montes, tamén no Castrillón, ou o seu enlace con outras vías, como Almirante Cadarso, mesmo para deixar de ser rúas sen saída, como a rúa Observatorio e o seu enlace coa rúa Páramo, no futuro parque do Agra que polo de agora segue a ser o Campo da Burra. Ou aquelas pendentes dalgún tramo para completarse, como a rúa Antonio Ríos ou a avenida da Concordia ao seu paso polo Castrillón, esta un caso sorprendente, pois executouse unha parte, deixando pendentes 150 metros do trazado, o que obriga ao tráfico rodado e ao transporte público a circunvalar a praza de Pablo Iglesias.

Parte destas rúas atópase en polígonos urbanísticos de iniciativa privada. Mais mesmo nestes casos o Concello pode contar con ferramentas urbanísticas ou xurídicas para a súa execución (que non semellan estar utilizándose neste momento) a costa dos propietarios, cando noutros casos, como o do polígono de Náutica, varias edificacións atópanse moi próximas a súa finalización sen que o viario se teña aínda executado. Outras, como a rúa Puerto Rico, forman parte de polígonos de iniciativa pública, dos que o Concello é directamente o responsable.

A solución para estas situacións dificilmente pode suscitar confrontación política nin ideolóxica, pois pouco pode argumentarse na súa contra; mais ben sería unha boa mostra das prioridades, a capacidade de xestión e a eficacia dun goberno municipal, e o seu traballo por mellorar a vida dos veciños.