Patrimonio arquitectónico, Concello e Universidade

Xosé Lois Martínez

A CORUÑA CIUDAD

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas cidades teñen o privilexio de contar no seu termo municipal con varias escolas técnicas relacionadas coa construción, co estudo do patrimonio edificado e coa súa protección: os centros de formación dos arquitectos técnicos, arquitectos e enxeñeiros de camiños, canais e portos localizados na Coruña imparten titulacións únicas no sistema universitario galego.

O que estes centros poñen a disposición da cidadanía galega en xeral e da coruñesa en particular queda patente non só na formación de miles de titulados, senón tamén no enorme labor desenvolvido nos grupos de investigación dos que forma parte o profesorado, e nos participan activamente centos dos seus alumnos.

Unha presenza que é facilmente detectable simplemente ollando as múltiples investigacións desenvolvidas dende hai xa 40 anos: arquitectura, enxeñería, construción, estradas, portos, urbanismo... son ámbitos de traballo onde arquitectos, enxeñeiros e arquitectos técnicos teñen achegado á Coruña excelentes estudos que hoxe forman parte dun saber colectivo amplamente difundido a través dos medios de comunicación. A cultura da cidadanía coruñesa ten enlazado cunha tradición ilustrada á que a cidade pertencía por méritos propios no primeiro terzo do século XX.

Non obstante, hai unha barreira que no século XXI non remata de ser superada por parte da institución municipal e que, pola contra, ten derrubado hai moito tempo a empresa privada. Son moitos os estudios e empresas de arquitectura, son moitos os estudios profesionais e empresas de enxeñería ou de construción nos que traballaron e traballan centos de alumnos ou recentemente titulados.

As institucións municipais -certo é que non todas- teñen unha actitude distante ante un dos grandes recursos dos que dispón a cidade; e isto resulta preocupante cando o patrimonio arquitectónico e o patrimonio urbanístico están a sufrir un proceso de deterioro, como un efecto colateral máis da crise económica que estamos a vivir.

Uns días serán as murallas medievais ou barrocas, outras La Terraza de Sada ou os xardíns do Pasatempo de Betanzos, ata alcanzar de pleno no centro da cidade ao Kiosco Alfonso ou ao barrio do Orzán. O Kiosco Alfonso fora, xunto a La Terraza, un dos primeiros edificios estudados polos profesionais da arquitectura... nun momento, cabe recordar, no que estas investigacións pretendían frear un proceso de calculado deterioro previo á derruba e á substitución arbitraria.

Son moitas as alertas que os medios de comunicación emiten. Son variadas as noticias de situacións que criamos superadas. Pero non: e aí é onde as autoridades que dirixen as institucións municipais coruñesas deberían reflexionar se o enorme privilexio de contar cos mellores recursos de investigación en enxeñería, construción, arquitectura e urbanismo están sendo utilizados dun xeito que achegue a maior rendibilidade social á cidade na que se localizan.

Á cidade de 400.000 habitantes, que a Administración municipal da Coruña debería de liderar, para enfrontarse con éxito á súa competencia de responsable na protección do Patrimonio: un ámbito ao que debería incorporar os enormes recursos de que dispón a Universidade.

Corenta anos despois de realizadas as exposicións sobre o Kiosco Alfonso e Rafael González Villar (1975), sobre o Kiosco La Terraza e Antonio López Hernández (1976)..., por non falar dos traballos da exposición sobre A Coruña: Arquitectura en Peligro (1979-81), resulta preocupante o lamentable estado de centros históricos como A Coruña ou Betanzos, e as noticias sobre o deterioro do Kiosco Alfonso, La Terraza ou O Pasatempo. E máis cando, estreitamente relacionado con todos estes casos, se atopa a institución universitaria. Do mesmo xeito que invitan a poboación a utilizar o «transporte público». 

Hai que dar exemplo, e máis cando a realidade demostra que só coa confluencia das institucións que están encargadas de defender «o común» poderá reverterse unha situación na que o público está de novo, coma hai 40 anos, no ollo do furacán: por acción ou por omisión.