A Coruña, moi galega: 12 feitos que desmontan a lenda

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

A cidade que máis tópicos arrastra sobre o seu carácter pouco galeguista revelouse varias veces como pioneira en Galicia

26 jul 2021 . Actualizado a las 07:49 h.

É un dos documentos máis prezados, anterior ás Cantigas de Santa María, datadas entre 1270 e 1283. No 1230, Pedro Duráez Malath vendeulle a Juan Suárez de Escañoi «a herdade que posúe no vilar de Escañoi, freguesía de San Tirso de Ambroa, por vinte e dous soldos de León». Este pergamiño que garda o Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña, é un dos escritos en galego máis antigos que se conservan.

Este tesouro é unha ponte ao pasado. Tamén unha testemuña das raíces que atan á cidade a unha esencia moitas veces cuestionada polo tópico. Talvez, a polémica alimentada nos 80 e 90 ao redor do topónimo castelanizado segue a ser a culpable do prexuízo co que carga A Coruña. Pero, ¿é a cidade menos galeguista?

Se lembramos a Castelao, «se aínda somos galegos é por obra e graza do noso idioma», os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) amosan que o perigo é común a todas as urbes. Nas sete cidades, a porcentaxe de residentes cuxa lingua materna é o galego está por debaixo do 20 %, fronte a un 51% que aprendeu a falar en castelán. Vigo (cun 13,79 %) e Ferrol (cun 13,41 %) amosan una evolución máis negativa ca Coruña (17,11 %), pero isto non é motivo de alegría.

Con todo, a cidade está nos barrios. É neles, lugar de residencia das migracións interiores desde comarcas da Costa da Morte ou das Mariñas, onde o galego se escoita con máis frecuencia nas conversas. Só hai que botarse a andar.

Berce do Rexurdimento

Neste paseo, se nos fixamos en moitas das lendas gravadas en pedra en rúas e casas da cidade, a historia agroma. Se houbo un movemento clave na toma de conciencia de Galicia este foi o rexionalismo, que deu paso ao Rexurdimento na segunda metade do século XIX. Nel, A Coruña xogou un papel destacado.

Aquí coincidiron tres das súas figuras protagonistas, Rosalía de Castro (que viviu entre 1870 e 1875 nunha casa da Cidade Vella), Manuel Curros Enríquez (ata que en 1894 marcha a Cuba) e Eduardo Pondal, quen en 1861 participa co seu primeiro poemario en galego, A campana d'Anllóns, nos primeiros Xogos Florais contemporáneos de Galicia. Son na Coruña, organizados por Juana de Vega.

Pondal frecuentaba con intelectuais rexionalistas a Cova Céltica, na librería de Uxío Carré en Rego de Auga. Aquí debateron desde 1893 sobre Galicia Manuel Lugrís Freire ou Murguía. Tamén Sofía Casanova, Filomena Dato ou Andrés Martínez Salazar, outra persoa clave.

Uns anos antes, no 1885, Martínez Salazar funda co editor e fundador de La Voz de Galicia, Juan Fernández Latorre, a editorial Biblioteca Gallega. Nela publícanse obras como Los Precursores, de Murguía, Queixumes dos Pinos, de Pondal, ou a terceira e definitiva versión de Aires d'a miña terra, pola que Curros Enríquez foi acusado de anticlerical. A sentenza absolutoria a Curros por criticar os dogmas da fe católica consérvase no Arquivo do Reino. A escultura de Francisco Asorey en Méndez Núñez é unha das homenaxes máis celebradas.

Novo século, novos pasos

É coa entrada do novo século cando se funda na Coruña a Real Academia Galega, en 1906. Un paso para o que foi vital o traballo de persoas como Curros na Habana. Tamén o da condesa Emilia Pardo Bazán na propia cidade.

O 1916 é un ano importante. Créanse nun local da praza de María Pita as Irmandades da Fala, o primeiro movemento galeguista que asume o monolingüísmo en galego. Pronto se estende pola comunidade. As Escolas do Insiño Galego, onde se dan as primeiras clases, son outro dos seus fitos.

En 1920, Lois Peña Novo convértese no primeiro concelleiro nacionalista electo nun consistorio galego. No salón de plenos de María Pita pronuncia o discurso de investidura, en galego. Un ano despois, A Coruña é o primeiro concello que aproba izar a bandeira galega no 25 de xullo.

Ánxel Casal, o home «que fixo por Galiza máis do que todos nós», dixo Castelao, crea na rúa Real, coa axuda da súa dona María Miramontes, a Editorial Nós en 1927. Antes, no 24, fundou Lar con Leandro Carré Alvarellos.

A Coruña, á que Felipe II lle deu a sede da capitanía e da audiencia para facerlle fronte ao poder da Igrexa, que pelexou pola capitalidade galega ata o 2002 ou apoiou na república a Casares Quiroga, foi a cidade onde se fundou no 1982 o BNG e na que, tralo exilio, Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo pensaron o renacer de Sargadelos.

A creación de novas institucións no franquismo e na democracia unidas ao ambiente universitario foron dándolle máis protagonismo a Santiago. Pero, esta esquina atlántica sempre foi Galicia, con todos os seus matices.