Beatriz Haz: «O que se fai na volta ao cole non é un período de adaptación, senón de resignación»

Antía Díaz Leal
antía díaz leal A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

BEATRIZ HAZ, ESCRITORA
BEATRIZ HAZ, ESCRITORA CESAR QUIAN

A profesora de ESO e autora do libro «Sofía e os seus primeiros días de cole» afirma que é preciso incluír unha figura de apego na aula

14 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Acompañado, flexible e universal. Así é o período de adaptación escolar que defende Beatriz Haz García (A Coruña, 1984). Profesora de secundaria, vén de publicar o conto infantil Sofía e os seus primeiros días de cole, co que pretende concienciar sobre a importancia dun proceso que, afirma, non se fai da maneira máis axeitada para os pequenos. Nuns días nos que as familias dos alumnos máis novos aínda están empezando a adaptarse ao novo curso, o seu libro permite coñecer un modelo que moitos expertos prefiren chamar período de vinculación. Porque diso se trata: de fomentar novos vínculos na escola.

—Entón, o que se fai agora non é adaptación?

—Non está correctamente feito. Son períodos de resignación, que é como os chaman os psicólogos actuais. A mestra de Audición e Linguaxe, psicóloga e especialista en atención temperá Laura Estremera di que o período de adaptación é un momento crucial no desenvolvemento do neno. Ela explica que o vínculo é especialmente forte e intenso desde os seis meses ata os tres anos, aínda que se mantén durante toda a vida, pero por este motivo hai que ser conscientes do que supón a separación da figura de referencia e a creación de novos vínculos a estas idades. Os nenos e nenas de cero a seis anos merecen un inicio escolar que respecte a súa esencia, a súa persoa, as súas emocións, que defenda sobre todo o seu benestar. Isto só é posible se se realiza un período de adaptación efectivo, correcto, real e respectuoso.

—Quizá o máis rechamante, no conto, é que Sofía chega ao cole e a súa nai queda nos primeiros días na aula, xunto con outros pais. Teñen que participar as familias neste período?

—Si, antes de comezar o curso, o equipo docente debe informar ás familias de que este período é imprescindible para o benestar infantil. Só entrará un adulto significativo por alumno. Pode ser a súa nai, o pai, pero tamén un coidador, un familiar... alguén que a nena ou o neno coñeza e co que se sinta seguro. Os nenos tan pequenos non entenden que ese é un lugar seguro, non entenden que mamá despois vai volver. Isto non é unha opinión, isto é ciencia. É psicoloxía do desenvolvemento, non é unha moda.

—Pero cal é o papel dese adulto na aula?

—Non debe intervir na dinámica da aula, senón permanecer sentado nun punto fixo designado pola mestra. O que queremos é que o neno se sinta cómodo, seguro. Se o primeiro día non podes nin entrar na clase, como se pon o neno? En modo fuxida, segregando cortisol, que é a hormona do estrés. Sofre porque non entende que fai alí, nese lugar que non coñece. Pero con esa figura de referencia na clase, o pequeno séntese seguro para explorar, comezar a confiar na súa mestra, sempre sabendo que a súa figura de referencia está aí nun punto fixo, dá tranquilidade ao neno, porque é un porto ao que acudir.

—No conto, é a propia Sofía a que un día decide que a súa nai xa non ten que quedar. Agora mesmo, os tempos da adaptación están acoutados e mesmo non son iguais en todos os cursos. Hai un tempo determinado ou ideal para este período?

—Debe ser flexible. Non pode estar fixado, ten que estar adaptado ás necesidades de cada neno, porque cada un é único. Co paso dos días, sen forzar, chegará o momento no que o neno entre na aula con confianza. O vínculo coa mestra xa estará construído, tamén o vínculo co contorno e cos demais alumnos. Só entón o período de adaptación terá finalizado. O dereito a realizar un período de adaptación cunha figura de referencia na aula non pode depender do colexio que che toque, debe realizarse en todos.

Un conto non só para nenos: A autora fixo o texto, e tamén realizou as ilustracións deste libro, que é top vendas en Amazon na súa categoría. Beatriz Haz asegura que non só axuda aos pequenos co inicio escolar, senón que tamén é unha ferramenta fundamental para docentes e familias.

«Precisamos un permiso retribuído e un novo paradigma educativo»

Beatriz Haz graduouse en Historia da Arte. Sempre tivo vocación docente e, tras aprobar as oposicións, comezou a dar clases en secundaria en varios institutos da cidade. Aínda que ela educa a rapaces xa maiores, a experiencia coa adaptación da súa filla levouna a formarse e investigar sobre a adaptación escolar. Recoñece que a súa profesión permítelle gozar dunhas posibilidades para a conciliación que outras familias non teñen, por iso pide que se faciliten esas condicións para todos.

—Vémolo todos os cursos: moitos pais quéixanse de que os períodos de adaptación son imposibles de encaixar coa súa vida laboral. Algúns poden cambiar vacacións ou pedir días, pero moitos outros non. Que se pode facer nestes casos?

—O que precisamos é un permiso retribuído e unhas políticas que favorezan a realización deste período de adaptación acompañado. Tamén precisamos, como sociedade, un novo paradigma educativo, unha mirada amable para a infancia, e formarnos todos, educadores e familias, en educación emocional.

—Isto é posible con modelo produtivo que temos?

—É verdade que este sistema lévanos a producir, producir… e o tempo para a crianza, onde quedou? Nós traballamos, pero quen cría? Pero por suposto que é posible. Só é cuestión de estar informados, de preocuparse pola infancia e polo seu benestar emocional, de organizarse e de vontade por parte de organismos públicos, docentes e familias. É preciso un cambio de mentalidade global, e isto non ocorre dun día para outro. Para iso escribín este conto, para acompañar aos nenos e ás nenas no inicio escolar e para facernos reflexionar aos adultos. Se é tan sinxelo facelo ben, por que facelo mal?