O Ágora acolle mañá a presentación do documental dirixido por Borja Casal, Premio José Gil de guion
06 feb 2026 . Actualizado a las 11:22 h.O centro Ágora da Coruña acolle este sábado 7 de febreiro a presentación do documental Todo pode esperar, baseado na vida e a traxectoria do músico e mestre retirado do instituto coruñés Agra do Orzán César Morán (Toural dos Vaos, 1954).
A presentación do documental, dirixido e guionizado por Borja Casal (A Coruña, 1996), terá lugar ás 19.30 horas, con entrada de balde até completar o aforo, coa presenza do protagonista.
«Todo pode esperar é unha longametraxe de 80 minutos que narra a historia de amor de Morán pola música ao longo de toda unha vida», resumen os promotores da homenaxe. Entre as moitas voces que tecen a historia atópanse as de Xurxo Souto, Quico Cadaval, Carolina Rubirosa, Claudio Rodríguez Fer ou Manuel Rivas.
A longametraxe recibiu hai uns meses o I Premio José Gil na categoría de mellor guión, un galardón convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña para apoiar a creación cinematográfica en lingua galega e destacar traxectorias de especial relevancia no sector.
«César Morán é un profesor de Lingua e Literatura xubilado que hai 50 anos intentou facer carreira como cantautor. A vida non lle permitiu facelo. Non puido vivir da música, pero conseguiu algo máis importante: vivir sempre preto dela. Agora, con 70 anos, vai gravar o seu primeiro disco con músicas e letras propias», explican dende a organización. Todo pode esperar, que dá nome a este documental, é o título dunha delas.
O director e guionista do documental, Borja Casal. xornalista que actualmente desenvolve proxectos audiovisuais, fixo equipo para este proxecto con Laura Pazienza (dirección de produción), Diego Guerrero (guionista), Marcos Estebo (director de fotografía), Adolfo Fernández (montaxe) e Fernando Rouco (son).
O documental está dividido en capítulos, cada un co nome dunha canción de César Morán que explica a súa vida: Bolboretiña real, Volvo a Galiza, Soño imposíbel, Estación e Agora si.
A presentación do documental desenvólvese no marco do programa Agra no Ágora, financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación Veciñal Agra.