Galaxia edita a primeira biografía do «xigante» Carlos Casares

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

xoán a. soler

Henrique Monteagudo descubriu «outros Casares» exercendo de biógrafo

21 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa infancia viviuna na ruralidade de Xinzo. Chegou a Santiago para estudar nunha universidade que bulía co Maio do 68, que en Galicia foi no 67. Mentres España permanecía asolagada polo franquismo serodio, a el abríuselle o mundo da socialdemocracia sueca da man da súa dona, Kristina. E nos anos da transición democrática era o prototipo de progre. Son só algunhas das capas que se poden ir espelicando dun «xigante da literatura universal» como Carlos Casares. A súa vida é un fío «extremadamente representativo da historia do país». E dese fío foi tirando nos últimos tempos Henrique Monteagudo. Un fío que coas semanas foi creando un novelo grande, rico e único: a primeira biografía dun xenio da palabra escrita que tiña alma de narrador oral.

Carlos Casares. Un contador de historias repasa a historia do rei das historias. A Monteagudo asaltouno moitas veces a nostalxia das historias que lle tiña oído naquelas conversas co seu benquerido amigo. Centos, se cadra máis de mil horas ten pasado o catedrático da Universidade de Santiago escoitando a Casares. Só repetiu dúas ou tres historias. E cun sorriso descubriu que, algunha vez, Casares contaba como propia algunha anécdota que era súa. E que a contaba moito mellor que el, porque era un gran escritor. Pero tamén un gran conversador que non monopolizaba a conversa «salvo que os demais decidísemos calar».

Coñeceu durante 20 anos Monteagudo a Casares, e coñeceuno moito durante un decenio. Así que o director de Galaxia, Francisco Castro, non dubidou en quen debía ser o biógrafo do escritor, dese Casares que estaría «horrorizado» se a biografía que agora edita Galaxia quedara só nun panexírico, nunha xustaposición de loanzas. Así que este libro pon máis luz sobre as luces, pero non agocha as sombras na escuridade das gabetas.

Pode facelo. Porque, lembrou Francisco Castro, Henrique Monteagudo exerce de biógrafo, de notario, de analista documental... Pero tamén de amigo íntimo que tivo acceso á súa vida cotiá. Aínda así, o traballo «permitiume coñecer outro Carlos Casares», comentaba un sorprendido Monteagudo que tratou, máis que nada, ao Carlos Casares «da autonomía». Na súa plenitude. «Coñecía máis ou menos outras etapas». Pero cando comezou a deluvar a documentación foise atopando con esas capas que conforman a ese -ao noso- contador de historias.