Domingo Villar: «Cando un autor semella estar en silencio é cando está traballando»

O escritor vigués publicará en marzo a terceira novela do inspector Leo Caldas, dez anos despois de «A praia dos afogados»


redacción / la voz

Volve Leo Caldas. Dez anos despois de A praia dos afogados e trece desde Ollos de auga, o inspector creado por Domingo Villar (Vigo, 1971) protagoniza un novo libro. O último barco, en galego en Galaxia e en castelán en Siruela, chegará ás librarías o vindeiro 6 de marzo do 2019. A trama, que de novo está ambientada ao pé da ría de Vigo, xira arredor da desaparición dunha rapaza que estuda cerámica na cidade.

-Como foron estes dez anos?

-O traballo dun autor literario é un pouco paradoxal: cando semella que estás en silencio é cando estás traballando de verdade, e cando empezas a falar dos teus libros é que deixaches de escribir. A min gústame andar o camiño e foron anos de goce, pensando e escribindo o libro. Ademais, tíñao case rematado de todo hai catro anos, pero non me sentía ben, non estaba satisfeito, así que o desbotei e empecei de novo, a mesma historia pero narrada doutro xeito. Para min, o máis importante non é publicar un libro novo, senón un libro do que estea satisfeito.

-Dáballe algo de vertixe, despois do éxito dos dous anteriores?

-Pode ser. Eu traballo en serio, son moi autoesixente. É posible que influíse saber que hai xente esperando polo teu traballo, é un peso engadido. Pero, doutra banda, é mellor saber que hai xente agardando que pensar que o que che espera é o silencio.

-Esta novela, xa dende o título, apunta ao mar, que tamén estaba nas dúas anteriores.

-Eu vivo lonxe do mar. Vivo en Madrid dende o ano 2000. Bótoo de menos, todos os días. Así que é natural que nas miñas novelas o mar sexa unha presenza ineludible, ademais de polo contexto das tramas, xa que o océano tamén está moi presente nas vidas dos personaxes.

-En que circunstancias atopamos a Leo Caldas nesta terceira entrega?

-A novela volve ser unha lámpada enriba da cabeza de Leo Caldas. Non podo contar moito, pero desta vez hai un maior traballo coral ao seu redor, non tanto nel ou no seu axudante. Os personaxes van tomando corpo e tamén mudan as súas circunstancias. No caso concreto de Caldas, neste libro ten máis importancia a súa relación co pai, porque se atopa nun deses momentos que temos os fillos nos que os nosos pais deixan de ser protectores a ser obxectos de protección. Tamén hai xente que coñeceu tempo atrás e que reaparece na súa vida. Está nunha desas situacións en que debe decidir se colle o último barco ou non.

-Daquela o título ten un dobre sentido?

-O último barco fai referencia ás dúas cousas, tanto o que tomou a rapaza desaparecida como o que ten que ver coas circunstancias persoais de Caldas, esa última posibilidade na vida. Os títulos dos meus libros levan palabras polisémicas, que, ademais do seu significado concreto, tamén teñen un papel metafórico ou abstracto.

-Os seus libros están traducidos a varios idiomas. Que reaccións recibe de lectores que ao mellor non coñecían Galicia?

-A verdade, sigo abraiado de como viaxan os meus libros. Confeso que é unha das maiores satisfaccións, o saber que hai xente que vén dende moi lonxe, percorrendo moitos quilómetros, para coñecer os lugares dos que falas nas túas historias. Porque aínda que son novelas cunha trama policial, no fondo non deixan de ser unha cantiga de amor á miña terra.

-Nese sentido, hai quen ve no policial un medio idóneo para falar doutras cousas, dende os problemas colectivos ás fraquezas ou fortalezas individuais. É así tamén no seu caso?

-Digamos que a trama policial é como a cenoria que leva ao lector a lugares determinados. Pero tan importante ou máis que a intriga é o que sucede arredor. Trátase dunha oportunidade para reflexionar sobre todos eses aspectos que che interesan.

-Volverá Leo Caldas ao cine?

-Non teño nin idea. A praia dos afogados era unha novela de 400 páxinas, o que facía moi complicado cinguila ao formato de 90 minutos de película. O último barco debe de ter arredor de 700, polo que facer unha película é moi complicado.

-Quizais unha serie, logo?

-Non o sei. Se gusta, e se se pode, pois xa se verá.

-Para «O último barco» houbo que esperar dez anos. Para a próxima pasará tanto tempo?

-Tampouco o sei. O seguinte libro sairá cando estea listo para saír. Se son dous anos, serán dous; se son tres, ou catro, ou nove, pois tamén. É algo que non podería dicir...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Domingo Villar: «Cando un autor semella estar en silencio é cando está traballando»