Manuel Gallego Jorreto: «A sensibilidade non é só estética, é algo moito máis fondo»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Manuel Gallego Jorreto, no auditorio da Illa de Arousa, unha das súas obras
Manuel Gallego Jorreto, no auditorio da Illa de Arousa, unha das súas obras MONICA IRAGO

A súa traxectoria, de máis de cinco décadas, foi distinguida este mércores co Premio Nacional de Arquitectura

21 feb 2019 . Actualizado a las 12:17 h.

En Galicia -e fóra- a impecable traxectoria de Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) concita unanimidade: sinxeleza, sobriedade e funcionalidade son adxectivos que cualifican as súas obras, sexan proxectos públicos -museos, facultades, mercados, auditorios, centros de saúde ou rehabilitacións- ou residenciais. A naturalidade que caracteriza cada unha das súas intervencións integra un proceso de reflexión intelectual, que tamén agroma no discurso do arquitecto. Este mércores a súa carreira foi distinguida co Premio Nacional de Arquitectura do Ministerio de Fomento.

-O fallo do xurado menciona un «diálogo honesto entre os materiais tradicionais, os oficios e a modernidade»...

-Non o lin aínda. Pero, falando dos oficios, eu valóroos porque son un desenvolvemento cultural da forma de construír. Nun oficio están os anos, está a prehistoria, as condicións sociais e do territorio: está todo. É o presente continuado. Interésanme moito, pero iso non quere dicir que non me interesen os oficios novos e descubrir novas formas de construír. Sempre, iso sempre.

-Pode haber convivencia, máis que substitución.

-Ten que haber a convivencia sempre. As culturas non son temas excluíntes, senón de ampliación. Sempre enriquecer e buscar un obxectivo común, que é mellorar a forma de vida, o coñecemento, todo, que é no que estamos metidos.

-E que armas ten a arquitectura para contribuír a esa mellora?

-A razón e a sensibilidade. A sensibilidade, para dar calidade ambiental, estética, buscar o mellor para o home. E a racionalidade, esas son as armas. Que case non digo nada, son as dúas compoñentes máis importantes do home. A cabeza e o corazón.

-Séntese máis cómodo na obra civil ou nas vivendas?

-Igual de cómodo. Home, a obra pública interésame máis porque son arquitecto e usuario.

-Pero a súa casa en Oleiros foi e segue a ser unha inspiración...

-Para todos os arquitectos, cando facemos unha casa para nós é algo moi complicado. Precisamente eu o que pretendín foi facer unha casa que servise para máis de un. Que con pequenos retoques cumprise as miñas necesidades e as de outros. Buscaba a cerna do problema, o que teñen de común todas as casas, e traballar sobre esa idea. Que organización do espazo podo facer para que poida facer vida aquí calquera que pense de forma distinta? É esa reflexión, que é ambiciosa, pero como ambiciosa é difícil facer. Había que facela nese momento, que era unha casa para min, que era o que aguantaba a experiencia. E así a fixen.

-Iso de ir á cerna xa comentou que o dicía Alejandro de la Sota.

-Si, non sei se o dicía con esas mesmas ideas pero el pensaba así.

-E seguiu o seu consello de anotar nun caderno cando se atopaba ben e cando non nun lugar, e reflexionar por que pasaba iso?

-Si, si. Xa o facía. Xa llo dicía aos meus alumnos e xa o practicaba eu, porque é un paso moi honrado, moi honesto, de aprender, sen grandilocuencias. Falar claramente e directamente, como ten que ser.

-Fálase da influencia de Sota, pero imaxino que tamén foron importantes Seoane e Sargadelos.

-Agradezo que digas iso, porque iso pensaba eu, aínda que non o dixen. Eu asocio as figuras de Sota e de Luís Seoane, porque son dúas grandes personalidades culturais que transcenden o mundo galego, pero que o tamén tocaron moi a fondo.

-Eran figuras maxisteriais. Como se transmiten o coñecemento, as ideas, as actitudes?

-Desenvolvendo -e practicando- sempre o espírito crítico, iso é fundamental. Cuestionando o que che din os mestres e os que non son mestres. Escoitando e cuestionando todo, analizando e razoando. E deixando o espírito aberto á sensibilidade. Non é só estética, a sensibilidade é algo máis fondo. 

-A vostede asóciano á sobriedade, pero no programa «O gato con botas» da TVG quedou claro que ten sentido do humor.

-O humor é o máis serio que hai. Hai poucas cousas que me reconcilien máis coa humanidade que o humor, que é un desenvolvemento da capacidade de subsistencia e de perseveranza. É a arma que che permite vivir.

 «Deberiamos acostumarnos a contemplar Galicia no seu conxunto»

Un dos elementos aos que Gallego Jorreto presta atención nas súas obras é a luz, que emprega como un instrumento privilexiado na elaboración do proxecto e a súa execución.

-Pénsase moito na arquitectura dende a materialidade, pero a luz é xusto a que a revela...

-Non é o material soamente, é o ambiente que se crea. Pode ser espiritual, percibido polos sentidos, pero que transcende sempre aos recordos, ao simbolismo. É coma os actos da vida: son completos, non son analizables por separado, senón non os entendes. Hai que velo no seu conxunto. E a arquitectura é unha evidencia do conxunto, do espazo en conxunto, do uso, de como se construíu, da orde que lle pos, e todo iso. Queremos que sexa todo iso, os afeccionados [ri]. 

-Como se afrontan dende a arquitectura cuestións como o despoboamento do interior e a vida urbana na franxa costeira?

-Home, non vou dicir nada porque xa é unha pedantería, pero penso que deberiamos acostumarnos a contemplar Galicia no conxunto. Os conxuntos que se van abrindo e se van ampliando. Galicia con certa unidade. Deberiamos afacernos a vela e entendela. Os problemas teñen síntomas illados, pero é o conxunto: a forma de vida, a cultura, a economía, a defensa da nosa cultura, a capacidade de mellorala e ampliala, de buscar camiños, enriquecela, todo iso é o que está debaixo do tema. Pero pasa en todo, non só a arquitectura, intentar facer a vida mellor.

 -Conceptos como sostibilidade, habitabilidade... son os que marcan o futuro?

-Non se poden utilizar eses conceptos tan importantes, se non é dunha forma sentida e práctica. E non utilizalos como argumento para que as cousas sigan igual, senón para cambialas. Iso é o que podo dicir.