Doce espectáculos compiten nos premios de teatro María Casares

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da montaxe «Commedia», da compañía Contraproducións
Detalle da montaxe «Commedia», da compañía Contraproducións BASILIO BELLO

As montaxes «Commedia», con 12 candidaturas, «Divinas Palabras Revolution», con 7, e «A leituga», con 5, encabezan a nómina de favoritos

22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Doce espectáculos competirán como finalistas por algún dos galardóns -nas catorce categorías en xogo- que se entregarán na gala da 23.ª edición dos premios de teatro María Casares, que o 21 de marzo acollerá o teatro Rosalía de Castro da Coruña. Así se deu a coñecer onte na festa dos finalistas.

O acto, presentado pola secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Iria Sobrado, revelou que a montaxe Commedia, de Contraproducións, acada un total de doce candidaturas ao resultar finalista nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz e actor protagonista, vestiario, escenografía, iluminación, música orixinal e actor secundario (por partida tripla, acapara todos os finalistas).

Á Commedia séguea de preto Divinas Palabras Revolution, produción do Centro Dramático Galego, que rexistra sete finalistas, nas categorías de espectáculo, dirección, actriz protagonista, actriz secundaria, adaptación-tradución, maquillaxe e escenografía.

A leitugade Emedous Emoción&Arte, pecha a tríade de obras con máis candidaturas, xa que opta a cinco galardóns: espectáculo, actriz e actor protagonista, escenografía e iluminación. Invisibles, de Redrum, e Casa O’Rei, de Ibuprofeno, lograron catro finalistas cada unha: Invisibles competirá en dirección, adaptación-tradución, iluminación e actriz secundaria, e Casa O’Rei podería gañar en música orixinal, texto orixinal, actor protagonista e actriz secundaria.

As montaxes O servidor de dous amos, Anatomía dunha serea, #Camiños, Contos do recreo, A nena e o grilo máis aló, Patapatúm e Arnoia, arnoia completan a nómina de aspirantes.