Naquela Expo de 1992

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1992 participei co grupo de gaiteiros do IGAEM (Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais) nunha delegación oficial da Xunta de Galicia á inauguración do pavillón galego na Expo que se celebrou na cidade de Sevilla. Naquela altura o IGAEM estaba comandado por un home bo, xeneroso e de gran cultura, que era o xa finado profesor e parlamentario Luis Cordeiro, do que gardo un excelente recordo e do que aprendín algunhas cousas ben interesantes, como a da posible relación de certa toponimia das Alpujarras granadinas coas repoboacións galegas no tempo da Reconquista.

Pero, volvendo a aqueles días da Expo, e despois de inaugurado o granítico pavillón galego que hoxe loce nas aforas de Compostela, tiven a fortuna de ter algún tempo para percorrer algo da tremenda montaxe ata daquela nunca vista. Visitei arredor dunha ducia de recintos de diferentes comunidades españolas e tamén os dalgúns países do mundo, entre os que estaba o de Irlanda, un espazo no que se resaltaban, entre outras, as marabillas turísticas da illa en toda o seu esplendor, a súa cultura dende a prehistoria megalítica, o legado celta antigo e o seu interesante medievo a través de libros manuscritos tan importantes como The Book of the Kells ou The Book of Durrow, gardados celosamente no Trinity College de Dublín, igual que o Leabhar Gabhala Eireann, libro no que os monxes irlandeses do século XI transcribiron dende a rica tradición oral druídica as diferentes invasións que foron chegando á illa en distintos momentos da historia.

Segundo está escrito nese libro, a última desas invasións foi protagonizada polos milésians, un pobo que supostamente chegou a Irlanda desde Galicia despois dun longo periplo anterior, e esta historia era o motivo de presentación na entrada ao devandito pavillón. Alí os visitantes escoitaban falar da mítica torre de Breoghán, da cidade de Brigantia, do guerreiro Ith ou do bardo Amerguín, en boca dun narrador que resaltaba esa antiga relación con Galicia descrita polos monxes naquel afastado século XI.